DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Fisioterapia acolle unha nova edición do ciclo ‘De promesa a realidade’

A especialización como un camiño de futuro para os fisioterapeutas

Estas xornadas buscan amosar ao estudantado as diferentes saídas laborais da titulación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 06/05/2014

O dito de que quen moito abarca, pouco aperta resume moi ben un dos principais consellos que o alumnado de Fisioterapia puido levarse da primeira sesión dunha nova edición do ciclo De promesa a realidade. Centrarse no ámbito profesional que máis interese lles esperte e tratar de especializarse nel foi unha das mensaxes máis repetidas polos seis titulados e tituladas que nesta xornada retornaron á facultade pontevedresa para relatar as súas experiencias profesionais e “incentivar ao alumnado a que despregue as súas ás e bote a voar”, como salientou a decana do centro, Eva María Lantarón.

Se en edicións anteriores este ciclo promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra permitiu analizar as saídas profesionais nos ámbitos da comunicación, o deporte ou a arte, desta volta De promesa a realidade tiña por obxecto amosar ao alumnado de Fisioterapia os múltiples camiños que poden emprender unha vez saían ao mercado laboral. Para propiciar ese achegamento ao mundo profesional, nada mellor que facelo a través das verbas de persoas que emprenderon o mesmo camiño antes ca eles, como é o caso de egresados “que levaron traxectorias profesionais completamente diferentes, pero todas elas de grande éxito”, como salientou Lantarón na presentación dos seis participantes na primeira sesión deste ciclo.

Centrarse naquilo que máis lles guste

“A Fisioterapia ten moitos posibles campos de traballo, pero o problema que temos moitas veces é que, unha vez saímos da carreira, poñémonos a facer cursos coma tolos”, relatou Sara Pedrosa, para a que “o máis importante é ter claro que é o que máis che gusta e, se tes a opción, centrarte en indagar máis niso”. No seu caso, “o único que tiña claro ao saír do centro foi o que non quería facer” e a súa verdadeira vocación chegaría máis tarde, cando comezou a traballar nun centro especializado en atención á muller de Pontevedra, que actualmente rexenta coa súa parella. Foi entón cando comezou a especializarse na fisioterapia vinculada á obstetricia e a xinecoloxía, un campo que presentou como “moi gratificante”.

Máis claro tiña o seu camiño Alberto Guitián, responsable dun centro de neurorehabilitación en Vigo. O seu interese pola fisioterapia neurolóxica levouno a especializarse nun campo de traballo no que “co paso dos anos acábase xerando un vínculo persoal entre terapeuta e paciente”. Por iso, a principal mensaxe que este titulado trasladou aos estudantes é “que a especialización é o máis importante, xa que non hai nada peor que un fisioterapeuta que sabe de todo”.

A fisioterapia neurolóxica foi tamén o camiño cara o que orientou a súa traxectoria profesional Yolanda García, unha estudante da primeira promoción da, por aquel entón, Escola Universitaria de Fisioterapia. Mais no seu caso, especializouse na fisioterapia pediátrica, xa que, recoñece, sempre lle gustou traballar con nenos. Actualmente, García dirixe un centro de atención temperá para nenos e nenas con patoloxías neurolóxicas e fixo fincapé na necesidade de dotarse dunha sólida formación antes de comezar a traballar, para o que tamén considera preferible “centrarse nunha cousa moi concreta”. Unha mensaxe similar trasladou ao alumnado Eva Lago, que traballa nun centro de atención a nenos e nenas con discapacidade, ao que, recoñeceu, chegou “case que de casualidade”, despois de moitos anos exercendo no ámbito da xeriatría. Por iso, recomendou aos estudantes “probar diferentes campos se non teñen claro cal é o que máis lles gusta”.

Da xestión dos centros á formación de traballadores

Un dos obxectivos centrais das xornadas coordinadas pola profesora Rocío Abalo era trasladar ao alumnado que existen campos de traballo moi diversos máis aló do tratamento de patoloxías osteoarticulares. Por ese motivo, entre os convidados a este coloquio figuraba temén un titulado que recoñece que na actualidade apenas exerce como fisioterapeuta, Ángel Gabeiro. Trala saír da facultade no ano 2000, Gabeiro abriu xunto a outros tres compañeiros de estudos unha “pequena clínica en Vigo”, San Lázaro. Na actualidade, este proxecto empresarial conta con tres centros propios e dous franquiciados, nos que traballan 29 persoas, como relatou Gabeiro, que animou ao alumnado a deixar de lado os medos de establecerse pola súa conta, “xa que aínda que poida dar un pouco de vertixe ao principio, é unha saída máis, aínda que hai que ter moitas gañas de traballar, porque a competencia é moi dura”.

Outra área a ter en conta, e que “ás veces está un pouco esquecida”, é a da atención a persoas maiores, como apuntou Ana Rovira, que explicou que “se trata dun importante campo de traballo, porque os e as maiores necesitan tratamentos de fisioterapia polas súas limitacións funcionais”. Rovira resumiu neste coloquio a súa experiencia profesional nun xeriátrico de Vigo, no que ademais de responsabilizarse dos tratamentos de fisioterapia, tamén asume a coordinación da formación interna do equipo multidisciplinar do centro, “algo no que nunca esperara traballar e que é tamén unha oportunidade para os fisioterapeutas”, afirmou.

Tralos seis relatos de hoxe martes, De promesa a realidade continuará este mércores coa participación doutros catro titulados, que se centrarán nos eidos da docencia e da actividade física e ao deporte. Do primeiro campo corresponderalle falar a Pablo García e a propia decana do centro, Eva María Lantarón, mentres que a fisioterapia deportiva centrará as intervencións de Daniel Noal e Adrián Ramilo.