DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de científicos e investigadores de recoñecido prestixio

As especies en perigo de extinción protagonizan a I Xornada sobre Conservación da Diversidade Biolóxica

O león ibérico, a aguia imperial e o salmón Atlántico, algúns dos exemplos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 19/09/2008
Coa participación de científicos de recoñecido prestixio que traballan coas especies máis emblemáticas do noso país deu comezo a I Xornada sobre Conservación da Diversidade Biolóxica, que se celebra no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais. Así, o lince ibérico, a aguia imperial, o salmón ou mesmo os pinos serán os protagonistas dunha sesión que “nace coa intención de ter continuidade en anos posteriores para converterse nun foro de discusión en temas de conservación”, tal como explicou Armando Caballero, membro do comité organizador e profesor do departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, durante a inauguración da xornada.
A conservación da diversidade biolóxica e das poboacións en perigo de extinción é un asunto que nos atangue a todos, “non hai máis que pensar nos problemas da desertización, o cambio climático ou a invasión de especies exóticas que nos están levando a unha redución de especies tanto animais como vexetais”, sinalou o propio Caballero.
Para analizar a situación actual, a xornada reúne a grupos que traballan en campos tan diversos como a análise da diversidade xenética e a cría en catividade.

O lobo ibérico abre a xornada

O impacto nos lobos ibéricos da hibridación con cans foi o tema no que Carles Vilá, profesor do Departamento de Bioloxía da Universidade de Uppsala, en Oslo, centrou a conferencia inaugural da xornada. Para este investigador, a hibridación é un tema preocupante porque “conleva unha perda de oportunidades de apareamento, así como unha maior frecuencia de transmisión de enfermidades”, segundo as súas palabras.
Concretamente, no caso dos lobos, “a nivel mundial hai 400 millóns de cans e tan só 200.000 lobos, isto significa que a proporción é de 2000 cans por cada lobo”, explicou Vilá, que engadiu que “en zonas como Europa a ratio é aínda máis esaxerada”. Con respecto á situación en España, o ADN de cans e lobos está moi ben separado, sen embargo existe unha cantidade mínima de individuos híbridos que resultan sempre do apareamento dunha loba cun can. Para explicar esta realidade, Vilá apunta á teoría de que o os lobos teñen un curto período de celo, mentres que para os cans a reprodución é posible durante todo o ano.
A xornada da mañá complétase coa participación de José Miguel Aparicio, que analizará a situación actual do cernícalo primilla; Teresa Abáigar, experta en antílopes sahelo-saharianos; e Pablo Caballero, que afondará na conservación so salmón Atlántico en Galicia. Xa pola tarde, os recursos xénicos do Pinus Pinaster e a xenética do quebrantaosos, a aguia imperial e o lince ibérico centrarán as conferencias de Ricardo Alía, membro do Instituto Nacional de Investigación e Tecnología Agraria e Alimentaria, e José Antonio Godoy, investigador do CSIC en Sevilla.

Cons-Bio, punto de encontro para os investigadores

Creada ao abeiro da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Cons-Bio pretende ser un punto de encontro entre os grupos de investigación galegos e nacionais que traballan no eido da conservación da diversidade biolóxica. A Rede conta na actualidade con dous grupos de investigación da Universidade de Vigo, dous de Santiago e un da Coruña.