DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As deseñadoras Alba Cardalda e Ana Carballo tamén foron galardoadas polo xurado

O espectáculo circense inspirado no filme “The Freaks” de Áurea Aburto recibe o primeiro premio de Debut´10

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra quedou pequeno para acoller ao público

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 26/11/2010

O mundo circense que o filme The Freaks retrata foi o que lle permitiu a Áurea Aburto conseguir o primeiro premio da Pasarela Debut 2010, onde luciron os proxectos fin de estudos da cuarta promoción de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia. As formas xeométricas de Alba Cardalda e o reflexo da vida parisiense de Ana Carballo foron os outros deseños destacados da noite, facéndose co áccesit do xurado e co premio Purificación García respectivamente. As máis de 850 butacas preparadas para a ocasión no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra non foron suficientes para albergar a todo público que gozou con cada proposta destas novas promesas da moda que a directora da escola, Lola Dopico definiu como "un proxecto máis experimental, de risco, de creación”.

Un pase especial en colaboración coa Escola de Deseño Gráfico do Central Saint Martins de Londres foi a novidade da Pasarela Debut na súa edición de 2010 que contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco e o vicerreitor de Innovación, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, así como outros representantes de institucións como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Onde gañan os feos

Os deseños de Áurea Aburto plasman a visión que ofrece o director de The Freaks, Todd Browning, sobre o mundo circense, “onde gañan realmente os feos e non os guapos”, en palabras da vencedora do certame. Aburto inspírase nos personaxes con deformidades físicas do circo que se retratan no filme, pero que pensan e se emocionan, materializándoo “a través de estampados e co emprego de silicona e outros elementos semellantes”.

Pola súa banda Alba Cardalda, gañadora do áccesit, recorreu á arquitectura de Óscar Niemeyer, cuns deseños onde abundan as formas xeométricas, unha sensación marmórea e curvas cóncavas e convexas que outorgan un certo barroquismo visual. A premiada por Purificación García, Ana Carballo, tamén atopou no cine a súa referencia. Neste caso na película Á bout de souffle, da Nouvelle Vague francesa, en concreto no seu protagonista masculino, Michel Poiccard e a súa vida parisiense. Materializouno a través da representación de emblemas característicos da capital francesa, como a torre Eiffel.

As demais propostas de María Domínguez, Laura de las Heras, Ana María Casás, Samantha Otero, Silvia Moure, Sofía González, Alba López, Adrián Castro e Luísa Fernanda, tamén recibiron a calor do público e do xurado, que se amosou moi satisfeito polo traballo e dedicación das novas promesas da moda. Estes desfiles, onde predominou a moda masculina, foi desde o vaqueiro ata deseños máis arriscados con enormes complementos como flores metálicas, bonecos ou tocados negros.

Gran variedade nas propostas

O certame comezou cun pase que amosou o traballo conxunto froito da colaboración entre o alumnado de Esdemga e o de Deseño Gráfico do Central Saint Martins de Londres. Mentres que os segundos realizaron o deseño gráfico dos bosquexos, os primeiros ocupáronse da patronaxe dos mesmos. De seguido sucedéronse outros tres pases previos a cargo do alumnado que cursa segundo e terceiro de Esdemga. A gran variedade de proxectos amosou a liberdade de creación do alumnado e a súa capacidade creativa. O pase Dinamic, de gran colorido, mostrou o esqueleto e os órganos do corpo humano, corazóns, anatureza…O terceiro pase, titulado Azafatas de voo estivo cheo de referenciasao mundo aéreo con partes de avións, chalecos salvavidas ou sinais luminosas. Co cuarto pase fíxose unha homenaxe á lendaria discoteca neoiorquina Studio 54 con alusións á música disco e á liberdade sexual. Antes da entrega dos premios, Esther Lebrato, ex- alumna de Esdemga, amosou a súa proposta El Coleccionista coa que participou recentemente no Ego de Cibeles.