DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Espertou a curiosidade dos que este mediodía pasaron pola Praza Miralles

O espectáculo de Etxea abriu en Vigo a novena edición do Festival Alt

O Festival Alternativo das Artes Escénicas trasládase agora ao Marco e a Casa das Artes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 11/03/2010

O teatro de rúa volveu este xoves á Cidade Universitaria da man do Festival Alternativo das Artes Escénicas. Cunha performance silenciosa e coa maior simplicidade, Fréderic Etcheverry e Gloria Aras, os integrantes da compañía francesa Etxea volveron achegar a maxia do teatro a unha comunidade universitaria xa habituada a gozar de cando en vez deste tipo de espectáculos á hora do xantar. Esta vez, aproveitando o bo día, a actuación tivo lugar nos exteriores, onde a ninguén deixou indiferente esta particular visita.
Concibida como unha pequena perturbación que interfire na normalidade cotiá, rompendo cos códigos corporais e de comportamento nos espazos públicos, a actuación foi unha investigación articulada ao redor da presenza, do movemento, da improvisación e do contacto co público. O fin último da obra: cuestionar o lugar do home na cidade e, máis xeralmente, na sociedade dende unha mirada poética e desfasada.
Con esta actuación inaugurouse en Vigo a novena edición do Festival Alt, unha festa das artes escénicas que se estenderá ata o vindeiro día 20 e que traerá á cidade un total de 17 funcións que correrán a cargo de 14 compañías que actuarán no Marco e na Casa das Artes, salvo no caso de Etxea, que opta pola rúa nun intento de achegarse a ese público que non adoita acudir ao teatro.

Narf e Manecas Costa presentarán Aló Irmao o día 24

A actividade cultural volverá á Cidade Universitaria o vindeiro día 24. Farao co encontro creativo entre Fran Pérez Narf, un dos artistas máis sorprendentes do actual panorama musical galego, e o guitarrista e cantante africano Manecas Costa para presentar o seu espectáculo Aló Irmao, un espectáculo de cancións novas compostas coa harmonía dos que queren entenderse e celebrar con alegría a diferenza.