DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus gozará durante oito intensas xornadas do mellor teatro universitario

O espectáculo de Rosaura abre en Vigo a XIII Miteu

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío e Noemí Rey DUVI 11/04/2011
Un ano máis, e xa van trece, a comunidade universitaria do campus de Vigo ten desde este luns a oportunidade de gozar do mellor teatro nacido nas aulas nunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. Nunha cita xa clásica da programación cultural da primavera, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, Rosaura, foi a encargada de, a ritmo de charanga, subir o pano dunha edición que se estenderá ao longo de oito intensas xornadas ata o vindeiro 28 de abril.

Co parón da Semana Santa polo medio, “esta edición conta cun programa especialmente variado”, subliñou Pepa Barreiro, coordinadora da Aula de Teatro do campus de Vigo, que destacou que se inclúen opcións para todos os gustos, “hai creacións colectivas, collages de textos teatrais, adaptación de novelas... unha oferta variada que agardo que anime ás persoas que lle guste o teatro a subir ata o campus”.

Cunha montaxe titulada O teatro...onde? e da man da súa directora Sabela Gago a Aula de Teatro Universitaria de Ourense percorreu parte do campus cunha teatralización festiva coa que se anunciou a chegada da Miteu a Vigo. Os arredor de 20 alumnos e alumnas da aula participaron nunha acción teatral que incluíu diferentes paradas marcadas polos elementos que compuxeron o espectáculo: maquillaxe, atrezzo, espazo, texto e dirección.

Teatro e máis teatro

Aínda que a previsión era que este martes actuase no campus un grupo marroquí, a situación que están a vivir no país impediu que puidesen viaxar ata Galicia polo que finalmente será Cordelia, o nivel 2 da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, os encargados de amenizar a tarde do martes. Baixo a dirección de Elena Seijo e Fina Calleja traerán ao teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria o espectáculo Bernarda: represión ou liberdade no que participarán un elenco de preto de vinte actores.

Tras este inicio ourensán, “será o momento para os grupos que non son galegos”, explicou Pepa Barreiro, que fixo fincapé en que o mércores visitará o campus o grupo de teatro da Universidade Pública de Navarra que representará Hagamos un trato, unha obra de teatro sacada dos poemas, contos e novelas de Mario Benedetti. Logo, xa o xoves, volverá visitar o campus a Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza co espectáculo Los españoles bajo tierra, “un retrato quebrado da España negra e trillada pola rutina administrativa”.

Despois da Semana Santa “centrarémonos nas aulas de teatro galegas”, apunta Pepa Barreiro. A actividade retomarase o martes 26 coa Aula de Teatro do Campus de Vigo coa obra Zapping “pero teatral non televisivo”, aclara Barreiro, directora do espectáculo, que se trata dun traballo elaborado a partir de textos de Euloxio R. Ruibal, Bernard Marie Koltés e Lois Pereiro.