DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compañía de teatro La Jarana presentou a súa peza "Mi cuerpo es mío"

Un espectáculo de variedades enche de gargalladas o Vidal Bolaño

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 11/11/2010
Cun espectáculo de variedades que supón un canto á liberdade da muller, á vida desenfadada e á sociedade máis esperpéntica, a compañía de teatro La Jarana logrou reunir no Teatro Vidal Bolaño a unha ampla audiencia que puido gozar da peza Mi cuerpo es mío, que arrancou as gargalladas dos presentes. A obra, estreada o pasado mes de xaneiro, chega ao campus tras pasar con notable éxito por numerosos festivais tanto nacionais como internacionais, como son os de Almagro ou o de Calzada de Calatrava, entre outros.

Artistas de distintas nacionalidades, especializados nas disciplinas teatrais máis diversas, compoñen La Jarana, unha compañía creada no ano 2008, pese a que os seus membros levan traballando xuntos dende o 2006. O grupo xurde dos desacougos de cada un dos seus compoñentes, que aportan particulares formas de entender o teatro como un medio de comunicación, expresión, divertimento, manifiesto e intercambio de experiencias e realidades sociais. Isto da lugar a un continuo diálogo co público no que se plantexan múltiples dúbidas e preguntas que, nalgúns casos, non acadan resposta.

A linguaxe desta compañía teatral parte dun traballo físico, investigando as posibilidades que ofrece o mundo do clown, os bufóns, a improvisación, o melodrama, as máscaras, o circo, a revista ou o cabaret, entre outras moitas expresións artísticas.