DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do IES Leliadoura visitou este mércores a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Espertando a curiosidade científica entre os futuros universitarios

40 estudantes participaron en diferentes talleres demostrativos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/11/2017

Co gallo da celebración estes días en Ourense da feira Galiciencia, estase a achegar á cidade alumnado preuniversitario de diferentes puntos da xeografía galega interesado na divulgación científica. Aproveitando a súa visita a Ourense, un grupo de 40 estudantes de primeiro curso de Bacharelato e cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria do IES Leliadoura, de Ribeira, visitou este mércores a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus e participou de tallares demostrativos levados a cabo por investigadores e investigadoras do centro.

Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, foi o encargado de recibir aos estudantes e de presentarlles tanto o centro como a traxectoria da Universidade de Vigo no eido aeroespacial. Deste xeito, os asistentes puideron coñecer e ver imaxes dos diferentes satélites desenvolvidos desde a institución académica. Ao rematar e divididos en pequenos grupos, os escolares acudiron aos laboratorios de física para participar en diferentes talleres deseñados co obxectivo tanto de explicarlles o traballo que neles se fai como o de espertar neles a curiosidade científica. “Aproveitando a visita a Galiciencia quixeron vir coñecer a nosa escola e o traballo que facemos nela e quixemos organizar unha actividade que fose interesante para os rapaces e rapaces pero na que tamén aprendesen algo”, comenta Diego González, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

O investigador José Ramón Salgueiro foi o encargado de amosarlle aos escolares o traballo que realizan no eido da óptica e dos led; Luis Romaní e Gerardo Domarco sorprenderon aos estudantes cunha demostración de supercondutividade na que puideron ver como un pequeno tren se desprazaba “flotando” polas vías; Clara Tovar abordou cos rapaces e rapazas cuestións de reoloxía, dos principios físicos que regulan o movemento dos fluídos, e Nieves Lorenzo explicoulles conceptos e aparellos básicos de climatoloxía.