DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Forum reúne na cidade e o campus 266 representantes de 74 países

O espírito FISU inunda Vigo

Ata o sábado afondarán e debaterán sobre cultura e deporte universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 21/06/2010

74 bandeiras ondean esta semana en Vigo en representación das delegacións dos países que participan na décima edición do Forum FISU e enchen a cidade e o campus do espírito da cultura e deporte universitario. Ata o vindeiro sábado máis de 260 congresistas dos cinco continentes traballarán e debaterán sobre a cultura e o deporte universitario co obxectivo de que as conclusións traspasen barreiras e cheguen a toda a sociedade poñendo en valor as potencialidades do deporte “como plataforma para o cambio”. No acto de inauguración do Forum FISU, o reitor, Salustiano Mato, salientou que a Universidade de Vigo comparte os eixos programáticos deste congreso: o respecto ao medio ambiente e a aposta pola igualdade, que forman parte das liñas estratéxicas da institución, xunto co desenvolvemento dos plans estratéxicos do deporte universitario e o recoñecemento académico da práctica deportiva.
Todas as autoridades presentes, dende o alcalde Abel Caballero e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, ata o propio reitor e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, coincidiron en destacar a decidida aposta de Vigo e súa Universidade polo deporte, pola súa práctica como elemento enriquecedor da personalidade dos mozos e mozas “que mañá serán os que tomen as decisións que moven o mundo”, como apuntou o vicepresidente da FISU, C.L. Gallien. O presidente de FISU, G.E. Killian, foi o encargado de dar por inaugurado do Forum, lembrado con emoción cando "eramos moitos menos e vendo como fomos crecendo".

Unha semana para fomentar a cultura deportiva e universitaria

O acto inaugural deste Forum FISU, que bate récords de participación, comezou coa benvida ás bandeiras dos 74 países participantes e a proxección de varios vídeos sobre a cidade e sobre as vindeiras citas co deporte universitario en toda a xeografía mundial, entre os que destacan tres en España, o mundial de golf, o de triatlón e do taekwondo, que terá como sede Vigo e botará a andar o vindeiro 29 de xuño. O gaiteiro Xosé Manuel Budiño foi o encargado de poñer o toque cultural a un acto no que tanto as autoridades da cidade e da Universidade como organizadores e representantes da Federación Internacional de Deporte Universitario, FISU, defenderon o papel do deporte no arduo labor de poñer freo a unha crise que “non só é económica, senón tamén social, moral e climática” como apuntou o vicepresidente da FISU, C.L. Gallien. Ante este reto, a sociedade “demándanos non só teorizar senón tamén actuar e nós propoñemos o deporte como plataforma para o cambio”. Neste sentido, Salustiano Mato avogou por fomentar o deporte no eido universitario, “porque como Universidade temos o deber de ofrecer ao noso alumnado unha formación integral” que comprende algo máis que o académico. Na xornada do mércores 23 as actividades do Forum trasladaranse ao campus e o reitor animou a todos os asistentes a coñecer un espazo no que o respecto polo medio está sempre presente. Mato destacou tamén a aposta da Universidade de Vigo polo liderado feminino no deporte e pola igualdade en xeral, “unha loita na que estamos comprometidos pero na que aínda queda traballo por facer como amosa o Informe Diagnose da Igualdade na Universidade de Vigo”.
O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, destacou a estreita colaboración entre Concello e Universidade que posibilitou sacar adiante un evento como o Forum FISU, ao tempo que o alcalde, Abel Caballero, lembrou a primeira aposta da cidade e da Universidade foi a Universiada “un desexo e unha demanda que mantemos de cara ao futuro”.
Neste evento tomaron parte tamén o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que felicitou ao reitor no seu primeiro acto oficial como tal, e lembrou que o valores da FISU da prol da “excelencia do corpo e da mente son compartidos por todos”. Tamén o Consello Superior de Deportes estivo representado por Albert Soler, director xeral de Deportes que engadiu que este foro é unha proba do “compromiso activo e do diálogo entre educación e cultura, máis aló do deporte”.
Ao longo da semana estes máis de 260 delegados e representantes do deporte universitarip traballarán entre o Centro Social Caixanova e o campus en catro eixos fundamentais: o desenvolvemento dos plans estratéxicos do deporte universitario; a educación e a concienciación medioambiental a través do deporte, o liderado feminino no deporte universitario, tema que se tratará na xornada a desenvolver no campus e o deporte universitario e o seu recoñecemento académico.