DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso comeza con dúas semanas de acceso gratuíto ás instalacións, ata o 28 deste mes

O espírito Muver regresa aos campus

A programación deportiva inclúe actividades dirixidas, ligas, adestramentos personalizados...

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 18/09/2018

Amelia Earhart, Neil Armstrong, Marie Curie e Jane Goodall protagonizan a nova programación de actividades da Área de Benestar, Saúde e Deporte para este primeiro cuadrimestre. A súa presenza na campaña promocional é un xeito de que ciencia, coñecemento e investigación se dean a man coa actividade física e o deporte. E é que un dos obxectivos desta área é que o deporte vaia máis aló, que se insira como parte esencial da vida da comunidade universitaria, apostando por hábitos saudables e estilo de vida activo e san. Para todo iso, o alumnado e o persoal da Universidade dispón dun amplo abano de actividades, instalacións e propostas deportivas e saudables nos tres campus.

Para dar a coñecer toda esta oferta, e coincidindo coa celebración da Semana Europea do Deporte, a Área de Benestar, Saúde e Deporte organiza unha quincena de portas abertas para dar a coñece as súas instalacións e actividades, polo que o acceso ás mesmas será de balde ata o día 28. Ademais o día 27 deste mes está programada, tamén de xeito gratuíto, unha clase de defensa persoal.

Con esta iniciativa de portas abertas trátase de que os membros da comunidade universitaria coñezan a oferta de actividades de deporte e benestar e as vantaxes dos abonos básico e Muver. O primeiro deles inclúe o acceso aos vestiarios, os armarios e pistas de atletismo e é de balde para os membros da comunidade universitaria. O abono Muver, pola súa banda, permite o uso da sala de cardio-fitness, o rocódromo, as actividades dirixidas, as pistas de tenis, atletismo e tenis de mesa, as bicicletas BTT así como descontos especiais nas escolas deportivas, Augaventura e servizos de saúde. Os abonos poden adquirirse en modalidade anual, cuadrimestral e só de verán, con prezos que varían entre os 10 euros e os 180 euros, dependendo da duración e de se trata de persoas da comunidade universitaria ou alleas á mesma.
No abono Muver inclúe a asistencia á maioría das actividades dirixidas, que son diferentes en cada campus, e van dende fitness express, adestramento persoal, chan pelviano, xadrez, cross training, ioga, escaladas, tenis, running, kick boxing, rugby, defensa persoal, pilates, ciclo indoor, zumba, MMA, benestar integral, total body, tenis, xadrez, rugby, voleibol, fútbol gaélico ou natación. 

O oferta da Área de Benestar, Saúde e Deporte comprende tamén unha unidade de saúde, que ofrece sesións tanto de fisioterapia como de medicina deportiva, nas que os membros da comunidade universitaria poderán someterse a unha consulta informativa, revisión médico-deportiva, proba de esforzo e consulta dietética. Finalmente, a programación complétase con actividades na natureza, como os programas Delecer ou Augaventura, os viaxes á neve e as Rutas Culturais, un clásico da programación deportiva universitaria que atrae cada ano a centos de participantes.

Inscrición nas ligas universitarias ata o 30 deste mes

Outras das apostas da Universidade de Vigo son os deportes e federados e as ligas universitarias. Para estas últimas está aberto o prazo de inscrición ata o 30 deste mes e as competicións desenvolveranse do 15 de outubro ata o 15 de febreiro nas modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7, rugby 7 e voleibol. Ao longo do curso tamén se celebrarán os Campionatos Galegos e de España Universitarios así como diversas probas internacionais, como os Xogos Galaico-Durienses. As persoas que queiran practicar deporte no ámbito federado, poden facelo nalgún dos equipos propios da Universidade de Vigo ou ben a través dalgunha das entidades coas que a Universidade mantén convenios de colaboración. 

Instalacións deportivas propias e nas cidades

Para a práctica deportiva nos tres campus, a Universidade conta con instalacións que inclúen pistas de atletismo, bádminton, baloncesto, tenis, campos de herba natural e artificial, salas multideporte, piscina, rocódromo, etc. cuxo uso se inclúe nos abonos básico e Muver, pero das que tamén se pode facer uso libre, tanto de xeito individual como en grupos, a través de bonos, as reservas puntuais e reservas de temporada. Ademais, a Universidade conta cunha rede de centros deportivos colaboradores en Vigo, Ourense e Pontevedra, para que os membros da comunidade universitaria se poden beneficiar dun prezo reducido no uso destas instalacións.