DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala Alterarte acolle desde este mércores a mostra 'Sustentando a tremoia', de Rosalía Pazo Maside

'Estado Crítico 2' arranca poñendo en cuestión a sociedade do consumo

Nesta edición do proxecto expositivo os comisarios serán docentes da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 23/01/2013
Desde que nos levantamos ata que nos deitamos, as persoas somos voraces consumidoras de obxectos, recursos e servizos. Manter este nivel de vida significa aceptar unha serie de consecuencias non sempre fáciles de asumir. Contra esta "mala conciencia" do cidadán o propio sistema ofrece unha serie de posibilidades, como a reciclaxe, que suspostamente minguan os efectos do noso consumismo pero que en realidade axudan a manter o sistema. Co obxectivo de reflexionar sobre este tema, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle desde esta semana a exposición Sustentando a tremoia, da creadora Rosalía Pazo Maside e comisariada por Mar Caldas. Con ela iníciase a segunda edición do proxecto expositivo Estado Crítico.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; a artista Rosalía Pazo Maside e a comisaria e docente da Universidade de Vigo Mar Caldas foron as persoas encargas de inaugurar este mércores a mostra, que estará na sala ata o día 22 de marzo. “A obra de Rosalía Pazo é unha estupenda maneira de empezar Estado Crítico 2. 10 comisarios 10 artistas, que nesta segunda edición caracterizarase porque serán docentes da Universidade de Vigo, e non crísticos de arte, os que escollerán aos artistas que exporán en Alterarte”, explicou Xosé Manuel Buxán. “O marabilloso da arte é facer cousas non só esteticamente atractivas senón que tamén nos axuden a reflexionar, coma neste caso sobre o que significa ser un suxeito do século XXI, un suxeito dominado polo hiperconsumismo e que calma a súa conciencia con pequenos xestos coma a reciclaxe”, destacou María Lameiras.

A complicidade do cidadán

Segundo salientou Mar Caldas, directora da Sala X do campus de Pontevedra, “Rosalía Pazo Maside é unha artista imprescindible da escena galega que leva desde finais dos anos 70 creando e investigando”. Para a mostra en Alterarte, explicou a docente, a comisaria e a artista escolleron pezas de exposicións anteriores, ás que se incorporou obra nova. “Nesta exposición busco envolver ao visitante e facerlle reflexionar sobre a súa complicidade co sistema baixo a apariencia de solidariedade ecoloxista, facéndoo partícipe do engano, do lavado de imaxe e de conciencia no que participa”, subliñou Rosalía Pazo durante a inauguración de Sustentando a tremoia.

Deste xeito, nas paredes da Sala Alterarte pódense ver diferentes obras creadas con material de refugallo, como arandelas de latas de bebidas e de cartóns de leite, tiras de papel procedentes das trituradoras de documentos e tubiños de cartón nos que se enrola o papel das caixas rexistradoras. Todo este material foi recollido “por unha cadea de mulleres” e a artista convida aos visitantes a que axuden a completalo deixando na sala material dese tipo, que logo ela empregará para completar as obras, nun bucle sen fin similar ao do sistema produtivo actual. Ao deixar os seus produtos para reciclar, comenta Pazo, o visitante vai sentir a satisfacción de reciclar e de participar nun acto solidario, cando en realidade para poder facer ese acto tivo que consumir, mantendo así viva a sociedade do consumo e imitando o discurso de lavado de imaxe das empresas.

Xunto a esta mensaxe global, as pezas da mostra destacan pola beleza das composicións creadas con materiais reciclados e porque cada unha ten un significado elaborado, como o poema que se traduce en dous lenzos de código binario, salientando o papel da tecnoloxía neste sistema, ou o dos envoltorios que se converten eles mesmos en obxecto de consumo.

Moito Estado Crítico por diante

Tras esta exposición, Estado Crítico 2. 10 comisarios 10 artistas continuará traendo ao campus de Ourense a destacados creadores elixidos por docentes da Universidade de Vigo. Carlos Tejo, artista e director de Chámalle X. Xornadas de Performance; Mª Victoria Carballo-Calero, historiadora da arte; Nono Bandera, artista e comisario; Manuel Sendón, artista e ex codirector da Fotobienal de Vigo; Susana Cendán, comisaria e historiadora da arte; e os artistas e comisarios Ignacio Pérez-Jofre, Javier Tudela, Silvia García e Yolanda Herranz serán algúns dos protagonistas desta segunda edición do proxecto expositivo estrela da Sala Alterarte.