DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luís Ortiz, reelixido director da EU de Enxeñaría Técnica Forestal:

“Estamos en disposición de ofrecer traballo practicamente á totalidade de alumnos”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 31/03/2008

Luís Ortiz leva na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal case desde que abriu as súas portas no ano 1991 exercendo a súa labor como docente e, desde marzo do 2005, coma director. Sendo reelixido por outros tres anos na Xunta de Facultade do pasado 27 de marzo e de cara aos novos retos que se presentan coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e as novas exixencias do mercado en materia medioambiental, o responsable do centro que acolle a titulación de Enxeñaría Técnica Forestal, fala dos proxectos que pensa desenvolver neste novo mandato.

Que valoración fai destes anos ao fronte da escola?
Desde o punto de vista profesional, o máis relevante e co que máis satisfeito estou ao longo destes anos é de haber incrementado notablemente os convenios con empresas para facer prácticas, tanto na propia escola como en compañías privadas. É unha labor moi importante, aumentamos o número de contratantes cos que temos acordos e as bolsas que ofrecemos para que os alumnos fagan tanto investigación como proxectos de empresas nas nosas instalacións. Sen dúbida este é un dos nosos valores engadidos, o poder garantir que practicamente para a totalidade de estudantes que entran na escola, estamos en condicións de ofrecerlles un traballo e en iso estamos centrados, porque creemos que é parte da nosa misión. Moitas veces esquecémonos do obxectivo do noso traballo e é unha cuestión sobre a que todos deberíamos reflexionar. Agora mesmo existe unha tendencia cara á investigación, que está moi ben, pero hai xente que incluso se está apartando do feito de que as universidades están para formar profesionais e esta educación debe basearse en saber facer cousas, en ter actitudes, capacidades, por iso encaixamos moi ben en Boloña, porque realmente nos coloca onde sempre estivemos: nas prácticas, nas instalacións, no monte, nas fábricas...

Que novos proxectos ten agora que acaba de ser reelixido como director do centro?
Ademais de continuar coa mesma liña de traballo, isto é, de ter moita docencia fóra do centro, de aumentar as bolsas Erasmus, de ver como os nosos alumnos atopan traballo, a principal novidade do noso programa é por en marcha varios cursos superiores de 200 e 300 horas, moi específicos no campo da tecnoloxía da madeira. Agora mesmo neste eido hai escaseza de profesionais con experiencia e, a través dun acordo co clúster do sector, co que temos relación desde fai moitos anos, os rapaces poderán saír, con estes novos cursos, cun contrato de traballo dun ano de duración. Por suposto, hai prazas limitadas, pero é unha formación gratuíta e o obxectivo é que despois dese ano de traballo xa se queden na empresa de xeito indefinido.Trátase dun proxecto que se preparou no anterior mandato e queremos implantalo nesta nova etapa. En Galicia prodúcese a metade da madeira de España e, sen embargo, a súa segunda transformación está baixo mínimos, polo que queremos aproveitar ese nicho de mercado que engloba a ebanistería, o parqué, a fabricación de mobles, etc.

A EUET Forestal é unha das máis participativas en iniciativas extraescolares como congresos, feiras, seminarios, etc. Que proxectos deste tipo teñen a corto prazo?
Na anterior lexislatura estivemos en todos os eventos que están relacionados co eido forestal ou co da formación. Precisamente esta fin de semana montamos un stand en Foresgalia, o salón do sector en Lugo, e seguiremos estando en todos os eventos que haxa. De feito, fomos o único centro dunha universidade pública que participou en foros como Docentia, máis dirixido a escolas privadas, polo que esta é unha aposta decidida e se sae algunha iniciativa nova tamén estaremos alí.

A carreira de Enxeñaría Técnica Forestal, ten fama de ser a máis difícil do campus. Resulta tan complicada como se di?
Si. Aos alumnos cústalles conseguir a titulación por varios motivos. En primeiro lugar está o feito de que é unha enxeñaría, que en xeral son carreiras complicadas, e somos a única do campus. Por outra parte os estudantes cada ano entran con menos preparación, en temas de caligrafía e ortografía vese que se está perdendo calidade no ensino, polo que é máis difícil que acaden o nivel esixido. Por último, a falta de capacidade de abstracción dos alumnos e o alto nivel de calidade que demandan moitos profesores son demoledoras. Tamén hai que dicir que ao cabo dos catro anos que duran os estudos, os rapaces dan un xiro radical e os propios docentes somos os sorprendidos cando presentan os seus traballos finais de carreira, quedamos asombrados de pensar en como chegaron e o alto nivel co que saen do centro.

Como afectou á escola a xeralizada baixada no número de matrículas?
Este é o noso principal problema, este ano entraron sobre 35 novos alumnos. Superamos con nota calquera dos parámetros que hai para medir o nivel do centro, pero seguiremos facendo cousas para animar aos estudantes a matricularse.

Que accións se van a por en marcha para aumentar esta cifra?
En primeiro lugar continuaremos incidindo na presenza en medios e en todos os foros relacionados co sector. De maneira máis puntual faremos charlas en colexios e institutos para informar aos rapaces das saídas profesionais da nosa titulación.
A nivel institucional intentaremos facer un plan de estudos máis atractivo, máis moderno, adaptado a Boloña, que teña unha visibilidade con outras carreiras. Realmente este é un dos principais obxectivos para este mandato, desenvolver unha titulación que, cun nome máis actual e máis realista como Enxeñeiro Forestal e do Medio Natural, se poida conectar coas titulacións de Enxeñaría de Minas e Enxeñeiro Técnico Agrícola. Deste xeito, terían dous anos comúns e logo os estudantes poderían cambiarse a calquera delas ou obter as tres titulacións. Trátase do núcleo de enxeñarías verdes, de potencialo e de regresar aos seus inicios, nos que montes e minas sempre conviviron.

Sen dúbida, o sector forestal no noso país está en auxe e mais aínda en Galicia. Como se lle presenta o futuro profesional aos estudantes que saen da escola?
Agora mesmo estamos en disposición de ofrecer traballo, tanto na escola como fora dela, practicamente á totalidade de alumnos, iso si, que queiran traballar. A escola, a data de hoxe, manexa case o mesmo número de estudantes que de bolsas para prácticas, polo que está en disposición de ofrecer suficiente traballo para que todos os que entren e teñan un mínimo de aptitudes poidan facelo desde segundo de carreira e logo dependerá de cada un o sacarlle máis ou menos partido.
En relación aos sectores nos que poden desempeñar a súa labor os titulados, o sector forestal segue sendo o que máis absorbe. Nos comezos da titulación, a maioría dos alumnos se colocaban en temas de silvicultura e repoboacións, o que é monte claramente. Logo, esa demanda foise moderando e vimos un incremento no sector da segunda transformación da madeira e das enerxías. Houbo algúns anos nos que o tema da prevención de riscos laborais colocou a moitos alumnos e agora, nestes anos, existe un abano moi amplo, desde alumnos que se dedican a opositar, a aqueles que traballan en consultoras medioambientais. Hoxe temos un panorama moito máis amplo en todo o que ten que ver cos recursos naturais e con enerxías renovables, nos somos punteiros.

Vemos como outros centros do campus xa mudaron as súas ensinanzas de cara ao EEES, como é o caso de Belas Artes. En que momento do proceso se atopa a EUET Forestal?
Non me gustaría falar de datas porque acabamos de pasar unhas eleccións xerais e ata que se fixen os novos prazos, non sabemos como será. De tódolos xeitos estamos no proceso de reconverter a actual titulación pola que xa comentamos de Enxeñaría dos Recursos Naturais Forestais dentro do marco legal que establece Boloña. No mes de setembro os plans de estudo xa deberían estar aprobados e no 2009/2010 deberán estar todas as novas carreiras implantadas, para que no 2011 xa non exista ningunha das anteriores.