DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Elena Mª Balboa falou sobre a cosmética do futuro nun curso de verán

Para estar guapos e guapas, compostos activos de orixe natural

As algas son un dos produtos que se están estudando para o desenvolvemento deste sector

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/07/2013
A cosmética é un sector en continuo desenvolvemento e expansión que conta cun público que cada día esixe máis produtos, máis eficientes e máis naturais. Elena Mª Balboa, investigadora da Facultade de Ciencias, falou este xoves no campus de Ourense sobre a investigación arredor do uso dos antioxidantes neste eido. “Estase producindo un cambio de mentalidade nas persoas. Cada vez rexeitan máis a presenza de antioxidantes artificiais na cosmética e piden que sexan máis naturais pero para chegar aí fai falta aínda moita investigación e moitos test para comprobar a seguridade e calidade dos novos materiais”, apunta a investigadora.

A súa intervención produciuse no marco das II Xornadas sobre biomasa, unha fonte inesgotable de posibilidades, que se celebran no campus do 15 ao 18 de xullo baixo a coordinación dos docentes José Luis Alonso e Valentín Santos. Investigadora do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, Elena Mª Balboa está a realizar na actualidade a súa tese de doutoramento no eido das algas, concretamente no estudo da obtención de compostos activos a partir das algas pardas, unha especie invasora en Europa. “O noso obxectivo con esta investigación é conseguir o aproveitamento destas algas para extraer compostos activos que logo poidan ser aplicados en diferentes eidos, como a cosmética, a alimentación e a farmacoloxía”, explica Elena Mª Balboa. Por estes coñecementos do sector, foi a persoa elixida no curso para falar sobre os antioxidantes no eido das cremas e maquillaxes.

Cun control similar aos medicamentos

A súa investigación enmárcase nunha liña de investigación en auxe centrada no aproveitamento da biomasa, na reutilización de residuos da industria agroalimentaria e agrícola para outros usos. “Ademais de estudar as posibilidades que ofrecen os organismos vexetais, á hora de buscar compostos activos de utilidade é moi interesante investigar o medio ambiente mariño, un gran descoñecido pero moi rico e que ofrece posibilidades diferentes aos organismos terrestres”, salienta. O futuro, comenta, pasa pola investigación, pola regulación e polo desenvolvemento da dermocosmética. Segundo explica a investigadora, “o que busca a dermocosmética é cosméticos que cumpran a normativa, que sexan seguros e eficientes e que ofrezan ao consumidor toda a información precisa. É dicir, trataríase de levar a este sector o control que xa existe nos medicamentos”.

Falando deste futuro prometedor para a investigación e a cosmética centrada no natural pero froito do avance científico, a investigadora pechou un curso de verán cuxo obxectivo foi proporcionar ao alumnado unha visión global, tanto desde o punto de vista académico como industrial, do potencial da biomasa como fonte renovable de produtos e enerxía para a industria e para a sociedade do futuro. Durante os días de celebración, un amplo panel de conferenciantes afondaron en cuestións como os procesos que permiten a valorización de subprodutos xerados no sector agroalimentario, os beneficios dos ingredientes funcionais, como os antioxidantes, e as alternativas para a obtención de enerxía da biomasa, como os biocombustibles.