DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico organiza un obradoiro para reducir o estrés

Para estar profundamente relaxado ante os exames

Desenvolverase os días 23 e 24 de maio e o prazo de matrícula estará aberto ata o día 21

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 18/05/2012
O próximo 21 de maio comeza o período de exames do segundo cuadrimestre, a época máis intensa e complicada para o estudantado, sometido a unha gran presión durante dúas semanas. Para reducir o estrés e enfrontarse ás probas de avaliación nas mellores condicións, o Gabinete Psicopedagóxico organiza coincidindo con estas datas un obradoiro de Relaxación Profunda. Segundo explica a responsable deste servizo, Rocío Iglesias, a finalidade é que os asistentes “coñezan o estrés e os xeitos de controlalo para obter os mellores resultados posibles tanto na vida como nos estudos”.

Entre os contidos traballarase a postura como ferramenta para diminuír este estrés e para previr dores físicas, así como a respiración, co obxectivo de incrementar o nivel de enerxía, a concentración e a relaxación. Os estiramentos serán outra das ferramentas coas que se traballará para mellorar o rendemento, así como técnicas específicas de respiración para osixenar o cerebro e incrementar a enerxía. Unha última parte do obradoiro centrarase na visualización creativa e como esta técnica pode axudar a mitigar o estrés.

O obradoiro desenvolverase os días 23 e 24 de maio e será eminentemente práctico. As clases impartiranse na Sala de Ioga do Servizo de Deportes de 10.30 horas e 12.30 horas. O prezo da matrícula, que estará aberta ata o día anterior ao comezo, 21 de maio, é de 4.5 euros, custe que será reducido a 3 euros para os bolseiros. A inscrición deberá realizarse en Extensión Universitaria, no Edificio Miralles.