DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estatística e deporte danse a man nunha xornada sobre a aplicación desta metodoloxía na actividade física

Botan a andar este venres na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 14/10/2010
As técnicas estatísticas teñen múltiples aplicacións e son susceptibles de ser empregados para analizar case calquera campo do coñecemento. Un deses eidos é o deportivo, no que poder útil á hora de deseñar e analizar adestramentos, avaliar resultados de probas físicas e mesmo estudar comportamentos e deseñar estratexias para o fomento da práctica deportiva. Todos estes temas son, a partir deste venres, obxecto de análise nas Xornadas de Estatística no Deporte que organiza a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Esta segunda edición recolle o relevo da primeira, celebrada no mesmo centro en 2008, que o profesor José Vicente Novegil define como “moi satisfactoria con máis de 100 inscritos”.

Ao longo da xornada pasarán pola facultade algún dos máis relevantes expertos internacionais nesta materia, como Peter O'Donoghue. Da Cardiff School of Sport da University of Wales ou Albin Tenga, do Norwegian School of Sport Sciences. A organización deste evento corresponde ao grupo de investigación IO1, Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e ao nodo CESGA, que teñen como obxectivo amosar a importancia da metodoloxía estatística na resolución de problemas ligados ao mundo do deporte e a saúde e compartir as metodoloxías empregas por investigadores nacionais e estranxeiros para resolver problemas de aplicación práctica no mundo deportivo. Trátase así de compartir experiencias e poñer en valor o consulting estatístico para interesar ao eido do deporte non universitario e estreitar lazos entre o mundo académico e o profesional. Ademais, este tipo de iniciativas pretenden difundir o interese por este tipo de coñecementos entre estudantes que están a piques de rematar a carreira e os de doutoramento e futuros profesionais.

Seis relatorios, seis aplicacións da estatística

A xornada está dirixida a docentes, estudantes e investigadores así como a adestradores, preparadores físicos e médicos deportivos e a federacións deportivas e clubs ademais de administracións públicas relacionadas co deportes, a actividade física e a saúde.

O encargado de abrir os relatorios será Carlos Lago, profesor da Universidade de Vigo, que afondará no uso de modelos estatísticos multivariantes na análise dos deportes de equipo e dará paso á intervención de Peter O’Donoghue, que falará da importancia da técnicas estatísticas. Albin Tenga, de seguido, explicará a valides destas técnicas nos análises no fútbol, mentres que Vicente Martín, da Universidade de León, afondará nos tipos de estudos epidemiolóxicos en actividade física e saúde. Pechará a xornada Mónica Pérez, da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Xunta de Galicia que fará un repaso polo sedentarismo e os niveis de actividade física en Galicia.