DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os expertos que participan nunha xornada sobre astrobioloxía

Estatisticamente é case imposible que esteamos sos no Universo

Os extremófilos poderían axudar a resposta a un dos maiores enigmas da humanidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 16/11/2011
É un dos grandes enigmas da humanidade, un misterio que intrigou aos homes dende hai séculos pero a confirmación da existencia de vida noutros planetas pode atoparse nos microorganismos. Pequenísimos seres vivos poden axudar a resolver unha grande incógnita a través da astrobioloxía, disciplina que centrou a xornada celebrada este mércores na Facultade de Bioloxía. Os tres expertos que participan nos relatorios coinciden en que estatisticamente é case imposible que esteamos sos no Universo. Minia Manteiga, investigadora da Universidade da Coruña; Benjamín Montesinos, do Centro de Astrobioloxía (CAB) e de Ricardo Amils, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona e membro tamén do CAB, achegaron á comunidade universitaria as diversas liñas de investigación e traballos que se desenvolven na procura de vida no Universo e responderon a unha longa lista de preguntas e inquedanzas do estudantado.

Non estamos sos pero, como o demostramos?

Manteiga, Montesinos e Amils destacaron que a astrobioloxía, como resultado da mestura de astrofísica, bioloxía e xeoloxía, ten o obxectivo de dar resposta a un dos grandes retos da humanidade. Neste sentido, as cifras falan por si soas: 100.000 millóns de galaxias, 200.000 millóns de estrelas e un número case infinito de planetas. Ante isto, os astrofísicos pregúntanse que posibilidade habería de que só na Terra se desen condicións para a habitabilidade: case ningunha. Pero o problema é “que falamos de ciencia e require dunha demostración científica que aínda non temos”, explica Ricardo Amils, “pero a química-física é universal” e as condicións para a vida poden darse en calquera recuncho o Universo. Neste sentido, Benjamín Montesinos incidiu no que os científicos chaman zona de habitabilidade dos sistemas planetarios, que reúne as condicións para acubillar vida, pero as grandes preguntas xorden despois: que consideramos vida? Só buscamos vida antropomórfica? Podería haber vida sen auga ou sen osíxeno?

A resposta, no subsolo

A resposta a moitas destas preguntas non se atopa no ceo, senón baixo os nosos pés. O descubrimento de vida en lugares inverosímiles como no subsolo abre novas vías de traballo, porque demostra, segundo o profesor Amils, “a miopía coa que buscamos lugares potencialmente habitables”. Refírese ao achado de microorganismo que non precisan luz nin osíxeno para sobrevivir, do mesmo xeito que o poderían facer en planetas que ata agora os científicos consideraban inhabitables.

Con todo, subliñaron os tres investigadores que tan só coñecemos o 2% ou 3% das formas de vida do planeta. “Se traballamos con esa miopía antropomórfica” na Terra, tamén o faremos no espazo, onde poden existir organismos que “non somos quen nin de imaxinar”. Amils anima ás novas xeracións de investigadores a traballar coa imaxinación na procura de novos conceptos de vida, deixando atrás as ideas preconcibidas ‘terrestres’.

A experiencia de Río Tinto

Ricardo Amils é un dos maiores expertos españois en extremófilos, microorganismos que viven en condicións extremas e moi diferentes ás da maioría das formas de vida na Terra. Un dos mellores campos de estudo para estes organismos está en España, nas augas de Río Tinto, un dos lugares do mundo máis semellante a Marte e onde o CAB, centro mixto do CSIC e do INTA asociado ao NASA Astrobiology Institute, desenvolve varios proxectos. Alí estudou Amils estes microorganismos que viven en condicións extremas debido á grande acidez e alta concentración de metais pesados no río. O seu coñecemento podería servir para determinar posibles condicións de aparición e desenvolvemento de vida en outros planetas non ligadas aos parámetros habituais.