DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun traballo realizado polo alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación

‘Estatus’ gaña o premio á mellor curta de ficción do certame Suroscopia

63 obras concorreron a este concurso da Universidad de Córdoba

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/05/2019

Un total de 63 curtas, procedentes de 20 universidades públicas de España e América Latina, concorreron neste 2019 á oitava edición do Certamen Universitario de Creación Audiovisual Suroscopia, unha iniciativa promovida pola Universidad de Córdoba na que Estatus, unha curta realizada por un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicacion obtivo o primeiro premio na categoría de ficción. “Para nós é un orgullo, tratábase da primeira vez que a curta saía de Galicia”, salienta o estudante Ricardo Araújo, director da curta seleccionada por un xurado integrado polo director de Cultura da Universidad de Córdoba, José Álvarez Gómez, a profesora Ana Melendo, o artista visual Javier Artero e Antonio Navarro, da Filmoteca de Santander.

Segundo informa a Universidad de Córdoba, o xurado seleccionou Estatus “por ser unha obra de factura moi equilibrada entre a súa gramática visual e o relato desta distopía de ecos orwellianos, onde a súa fotografía, interpretacións dos personaxes e movementos de cámara xogan un papel fundamental”. Nacida como un traballo académico para a materia Guión, produción e realización de ficción, do grao en Comunicación Audiovisual, Estatus preséntase como unha distopía de ciencia ficción”, que amosa un mundo “no que as persoas levan escrita na fronte a característica que máis as define”, explica Araújo, quen na tarde do venres participaba no acto de entrega de premios na Filmoteca de Andalucía. 

Primeiro recoñecemento fóra de Galicia

Xunto a Estatus, o xurado seleccionou Accident de personne, do alumno da Universidad Carlos III de Madrid Raúl Melero, e Proyecciones de una hermosa criatura, de Estefanny Ríos, da Universidad del Valle de Cali (Colombia), como pezas gañadoras nas categorías de documental e videoarte, respectivamente. Todos eles recibiron un premio económico de 700 euros que, como salienta Araújo, “para nós supón en primeiro lugar que a curta estea saneada, que xunto con outros premios que puidemos gañar recuperamos o gastado” na realización dun traballo que, explica, a pesares de nacer como un traballo académico “buscamos que fose o máis profesional posible”.

Deste xeito, o premio obtido en Suroscopia súmase a recoñecementos previos como o primeiro premio na categoría de Creación Audiovisual dos premios de creación artística da Universidade de Vigo e o galardón á mellor curtametraxe na categoría de escolas do FIC Bueu, aos que se suman a súa selección para o Festival Internacional de Cine de Ourense, as Xociviga do Carballiño ou a súa máis recente selección para o festival Film Series de Barcelona. “O balance é desde logo moi positivo”, recoñece Araújo da curta que realizou xunto aos alumnos e alumnas Sara Puente, Jorge Castro, Pedro Tizón, Nerea Ogando, Dani Cornes, Carlota Nieto, Majo Reinoso, Adán Cordeiro, Uxía Pérez e Laura Guizán e que protagonizaron Fernando Tato, Susana Sampedro, Fran Paredes, Laura Ponte e Diego González. 

O broche a unha semana de formación e experiencias

O acto de entrega de premios na Filmoteca de Andalucía, presidido polo vicerreitor de Comunicación, Cultura e Comunicación da Universidad de Córdoba, Luis Medina, supuña así mesmo o broche final a unha semana de actividades no Centro de Creación Contemporánea de Andalucía, nas que participaron os e as responsables das 15 curtas nomeadas finalistas, así como das gañadoras do premio do público, decidido a través das votacións en redes sociais. “A verdade é que se formou un grupo moi bo, con xente de toda España”, salienta Araújo dunha experiencia na que recibiu “comentarios moi positivos” sobre Estatus, e que o levou a participar un seminario formativo con diferentes profesionais. Concretamente, ao longo da pasada semana, os e as finalistas participaron nunha serie de coloquios co artista visual Javier Atero, os cineastas Isidro Sánchez Guerrero e Alfonso Camacho e o realizador e membro da xunta directiva da Academia de Televisión, Tacho de la Calle, do que Araújo destaca “ademais de contarnos as súas experiencias e vivencias, tamén nos deu algúns consellos sobre como afrontar o mundo audiovisual, como que nos especializaramos nalgo moi concreto ou que o talento sempre se abre paso, o que vindo dunha persoa coa súa experiencia sempre cala máis”.