DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As profesoras da Facultade de Historia xubílanse este cuadrimestre

Esther Trashorras e Rosa Bralo despídense despois de case catro décadas de docencia

Compañeiros do campus e alumnado rendéronlle este mércores unha calorosa homenaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 05/12/2012
Un dos momentos máis emotivos para o corpo docente é cando se produce a xubilación dalgúns dos seus membros. É o momento entón de facer balance de toda unha vida dedicada ao ensino superior, á investigación e ao traballo académico. E é tamén a ocasión de lembrar os momentos compartidos xuntos e de celebrar a amizade que xorde despois de tantos anos de convivencia. Este mércores, a Facultade de Historia despediu cunha calorosa homenaxe ás súas profesoras Esther Trashorras e Rosa Bralo, que se xubilan despois de case catro décadas de traballo no campus de Ourense.

“Levo desde o ano 1975 como docente deste campus, desde os seus inicios no Colexio Universitario e chegou o momento de xubilarme”, destacou Esther Trashorras durante o acto. A profesora, que traballou principalmente na área de xeografía humana impartindo clases tanto na Facultade de Historia como nos últimos tempos na de Ciencias Empresariais e Turismo, despídese da docencia con moi bos recordos. “A etapa máis bonita foi a do Colexio Universitario, a dos inicios, cando había un trato máis próximo co alumnado e entre os docentes. A etapa que menos me gustou, sen dúbida algunha foi a última, porque o Plan Boloña burocratizouno todo”, explicou.

Para Rosa Bralo, que comezou no ano 1974 como docente no campus de Ourense, a etapa do Colexio Universitario tamén foi o mellor, aínda que garda moi bos recordos deste case corenta anos de docencia, centrada especialmente na área de xeografía. “Co que máis gocei foi ensinando ao alumnado, tratando de transmitirlle coñecementos e de vincular esa aprendizaxe cos problemas reais da sociedade actual”, destacou Bralo.

As dúas inician agora unha nova etapa na que desexan aproveitar o tempo libre para aprender cousas que ata o de agora tiveron que deixar nun segundo plano, especialmente no eido dos idiomas. “A min gustaríame facer cursos de galego, porque cos anos deime conta de que é moi importante coñecer de verdade a nosa lingua e a nosa cultura galega”, subliñou Esther Trashorras. Mentres, Rosa Bralo quere aproveitar para achegarse ao inglés, “pois a nosa xeración foi de francés”, e seguir na medida do posible en contacto coa Facultade de Historia e cos seus compañeiros e alumnado.