DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna de Esdemga impúxose no Certame galego de creadores novos

O estilo dandy de Marta Domínguez, premiado no Xuventude Crea

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 07/11/2013

Fusionar os traxes de xastre coa comodidade e deportividade que ofrece unha prenda de punto é a principal aposta da colección da alumna do último curso de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Marta Domínguez Lloira. A súa creatividade serviulle para facerse co primeiro premio do Certame galego de novos creadores, Xuventude Crea, na categoría de moda. Baixo o título Geliebte Salonlöwer. Gehasste Salonlower, en galego Querido e odiado dandy, esta estudante de Esdemga presentouse ao concurso, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, que vén a encher o oco deixado polo desaparecido concurso de moda Tesoira. A colección está composta por cinco estilismos para un home moderno que “son quen de desterrar esa idea ou mito de que os traxes de cabaleiro son só para eventos especiais e non para o día a día”.

O pachtwork é outro dos elementos definitorios desta colección e de todos os traballos realizados ata o de agora por Marta Domínguez Lloira, ata o punto de que esta técnica, consistente en unir varios anacos de tea, tamén estará presente nos deseños que esta moza pontevedresa presentará o vindeiro 21 de novembro no Debut 2013. Aínda que non quixo adiantar moitos detalles sobre este último proxecto, a alumna de Esdemga si deixou caer que, nesta ocasión, non só deseñará para os homes, senón tamén para as mulleres e os máis novos da casa. Presentar esta colección é o colofón final aos seus estudos no campus de Pontevedra aínda que recoñece estar “moi ansiosa” por comezar a traballar no sector da moda. Con todo, non descarta aproveitar os 3000 euros que gañou co premio do certame Xuventude Crea para visitar cidades coma Berlín ou Nova York “para ter outra visión deste complexo mundo e ver o que se fai fóra das nosas fronteiras”.

Grazas a este concurso, Marta Domínguez Lloira, tivo a oportunidade de poder expoñer as distintas prendas que integran Querido e odiado dandy no primeir andar do centro comercial El Corte Inglés de Vigo, onde se poderán visitar ata o o vindeiro sábado 16 de novembro. Xunto aos seus deseños están as coleccións do vigués Alberto Neves, Unha paixón, un asombro, un ideal, e da tamén pontevedresa Sheila Pazos, Sweet home, segundo e terceiro clasificado respectivamente no certame Xuventude Crea na categoría de moda.