DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María José Martínez Patiño, profesora de Ciencias da Educación e do Deporte:

"Estou segura de que hai grandes campioas olímpicas por descubrir no rural galego"

Vén de ser nomeada membro da Academia Olímpica, única muller galega con esta distinción

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 22/12/2009

María José Martínez Patiño (Vigo, 1961), logo dunha longa carreira como atleta internacional de vallas, velocidade e relevo, así como adestradora nacional de atletismo, exerce como profesora na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Vinculada tamén á Universidade de Vigo como directora do Centro de Estudos Olímpicos dende 2007, vén de ser nomeada membro da Academia Olímpica, o que a converte na única muller galega con esta distinción. Desde este novo cargo espera achegarlle á Universidade unha experiencia deportiva fraguada ao longo de moitos anos, que inclúe estancias na prestixiosa residencia Blume e en Rusia, para contribuír á difusión social dos valores olímpicos. Da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte destaca a súa xuventude e as ganas de facer cousas novas do seu equipo decanal, o que, na súa opinión, “a converte nun espello no que se teñen que mirar facultades moito máis antigas”.

A pregunta de rigor: que significa para a súa carreira o seu nomeamento como membro da Academia Olímpica?, pero tamén que responsabilidades trae asociadas?
Foi unha sorpresa. Ter a confianza do Comité Olímpico Español (COE) e esa designación énchenme de orgullo. Supón para min un reto persoal e tamén poder contribuír dalgunha maneira á expansión dos valores olímpicos e ao desenvolvemento da educación olímpica para contribuír a crear unha sociedade mellor. Ese é o principal piar que soporta a Academia Olímpica.

Xa ten pensado algunha iniciativa para promover desde a Academia o camiño para acadar ese obxectivo?
A parte deste nomeamento, tiven a honra de ser elixida hai máis dun ano directora do Centro de Estudos Olímpicos aquí na Universidade de Vigo, como parte desas outras trinta universidades que teñen este centro. Para min é importante porque che dá a posibilidade de plasmar o que ti queres facer dentro dun círculo moi concreto. Todos eses centros facendo a mesma actividade en diferentes sitios de España obteñen moi bos resultados. En Galicia hai outros dous en Santiago de Compostela e na Coruña, e queremos que sexa unha estrutura sólida, sobre todo tendo detrás o respaldo da Academia Olímpica; iso é o máis importante.

Tíñase trazado como obxectivo para o 2005 que o 20% da representación dos comités olímpicos fosen mulleres, cumpriuse?
Por parte do COE e dende que Alejandro Blanco tomou as rendas, é de vital importancia que a muller asuma o protagonismo que ten nunha sociedade avanzada como a nosa. Noutros comités hai algúns que cumpren esas porcentaxes e ademais con moita eficacia, outros están iniciando o camiño e outros lamentablemente aínda non o teñen iniciado nin coa propia participación da muller nos xogos olímpicos. Con todo, eu non son partidaria das cotas. Temos que estar porque o merecemos e porque temos capacidade de facer grandes cousas. De feito, o Comité Olímpico Internacional establece como un dos aspectos importantes da carta olímpica a igualdade e a integración da muller. Xa é un camiño sen retorno. Na Academia Olímpica non somos moitas, dúas neste momento, e tampouco hai moitas directoras de centros de estudos olímpicos, pero as que estamos temos que tirar do carro para que outras se incorporen e vexan a realidade deste fenómeno que transcende o deportivo, a aspectos sociais, culturais, etc., e que foi a orixe do olimpismo.

Que significa a creación de asociacións como Mudega no desenvolvemento do deporte feminino?
Todas as iniciativas son importantes, pero deben ter un respaldo institucional e tamén de toda a sociedade. Temos capacidade para facer grandes cousas e temos ideas para facer grandes proxectos, pero por si sos non serven. A muller debe asumir o seu propio protagonismo, non só en forma de estatística. Creo que a materia pendente do deporte en Galicia é que a muller se incorpore de cheo. Estou segura que de que hai grandes campioas olímpicas por descubrir no rural, o que pasa é que non chega o deporte a todos os sitios. No rural é onde van estar os éxitos do deporte galego, non me cabe ningunha dúbida. A muller galega demostrou valentía sempre. Lembremos que cando os mariñeiros partían, quedaban elas á fronte de fogares. Mulleres con esas capacidades fan falta no mundo do deporte.

Considera que existe desigualdade noutros ámbitos deportivos como poden ser o adestramento ou a arbitraxe?
Realmente son facetas que aínda quedan por cubrir. Algunha vez téñome preguntado se a muller non se dedica a adestrar ou a outras facetas vinculadas ao deporte porque é máis intelixente. Explícome, seguramente salvo contadas excepcións a xente que se dedica ao adestramento recibe moi pouca remuneración. No caso das mulleres, iso unido ás ansias de facer outras cousas na vida como ser nai ou ter unha familia, fai que loxicamente non perdan o tempo indo a un sitio onde están mal consideradas. No momento en que a figura do adestrador masculino sexa sólida seguramente a muller accederá, porque a muller accede a onde realmente pode demostrar que é valiosa.

E vostede, que ten participado en todos os ámbitos, en cal acadou unha maior satisfacción?
A miña maior satisfacción creo que foi como adestradora. Cando un deportista teu cruza a meta en primeiro lugar unes a súa alegría coa túa propia. Cando unha é capaz de proxectar o seu coñecemento cara a nenos e cara a sociedade séntese moito máis gratificada. Cando fun atleta eu alegrábame loxicamente por min, polo meu adestrador ou polo meu país ao obter unha vitoria, pero é algo moito máis íntimo. Neste momento a miña satisfacción e gratitude é cara ao COE por ter confiado en min. Son a única galega que forma parte da Academia Olímpica, ademais do presidente, Conrado Durantez, moi vinculado a Pontevedra.

É a universidade unha boa lanzadeira deportiva?
Non hai que esquecer que o movemento olímpico naceu no seo da universidade, na Sorbona. Realmente é o ámbito no que a xente pode facer unha chea de cousas vinculadas á actividade física e ao deporte, nun escenario como o da nosa Facultade. Considero que a Universidade de Vigo ten iniciativa, capacidade e talento. Unidos eses tres piares obtense como resultado que sexamos un referente a nivel nacional e internacional. Tiven a honra de representar a España ante 115 países como directora de centros olímpicos o ano pasado en Olimpia e alí expuxen o que se fai nesta Universidade. Aínda que realmente queda moito por facer, estou convencida de que implicando ás institucións da provincia é posible que sexamos un referente.

Existe ese compromiso institucional?
A Universidade cando se vincula co COE xa adquire ese compromiso. Pero non se trata só dunha sinatura protocolaria entre un director e un presidente de Comité Olímpico, leva implícito un apoio e unha protección real. Eu o que percibo tamén é o forte respaldo do vicerreitor do campus. Ten unha sensibilidade especial co tema do movemento olímpico e cando se asinou o protocolo realmente estou convencida de que era para que isto funcionase.