DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actuación insírese no programa de teatro de rúa

Los estrambóticos amenizan o xantar no Centro Comercial con "Kataplum"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/11/2008

“Sendo apto para todo o público, abstéñanse alérxicos ás risas”. Con esta advertencia previa, pon en escena o grupo Los Estrambóticos o seu espectáculo Kataplum protagonizado por dous personaxes caracterizados polo swing do seu humor e xestualidade.
Ao longo de catro pezas (O anano excéntrico, O ballet dos monociclistas, Os superespías e Mal-Abaristas), Los Estrambóticos mesturaron ante o público que se deu cita no Centro Comercial de Cidade Universitaria, o humor coa música, o circo e a maxia. O dúo arxentino formado por Santiago Garrido e Mariano Guz, logrou arrincar moitos sorrisos e non poucas gargalladas ao longo dunha representación na que o público tamén xogou un papel protagonista participando activamente nalgúns dos números.

Un traxectoria en común, breve pero intensa

Desde a década de 1990 os integrantes de Los Estrambóticos participan en numerosos festivais e representacións de rúa en medio mundo. Cunha sólida formación en artes escénicas e circenses, Garrido e Guz fundan en 2006 a compañía coa que teñen representado ademais de Kataplum, Mate, Rocky Marmota e Neón.
As representacións teatrais que forman parte da programación cultural deseñada pola vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, continuarán o vindeiro mércores 19 coa actuación de Sarabela que porá en escena a obra Dame Veleno.