DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maite Pagazaurtundúa, nova convidada ao ciclo de conferencias da Cátedra Álvarez Ossorio

A estratexia mediática de ETA para lograr impunidade social e xurídica

Sinalou que a legalización de Bildu e Amaiur é o primeiro paso do “relato exculpatorio” da banda ter

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 22/03/2012

“Non vence o máis forte, senón o que se adapta máis rápido á súa contorna”. A Teoría da Evolución de Darwin serviulle a Maite Pagazaurtundúa, presidenta da Fundación Vítimas do Terrorismo, para introducir a súa reflexión sobre o cambio de estratexia de actuación da banda terrorista ETA ao abeiro do ciclo de conferencias da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio. Presentada polo novo director da cátedra, Rafael Ceñal Martínez, a convidada defendeu que o organismo abandonou a violencia explícita “por un novo nicho de traballo que atopou nos medios de comunicación co fin de desenvolver un relato exculpatorio que lle achegue impunidade social e xurídica”.

A activista vasca Maite Pagazaurtundúa deixou claro dende o inicio da súa conferencia que non ía ofrecer “un discurso neutral” con respecto á temática terrorista. Sinalou que o sistema de violencia e acoso levado a cabo por ETA en País Vasco e Navarra perdeu forza “pola forte política antiterrorista do estado e de entes internacionais” polo que o discurso da banda “quedou debilitado e decidiu reorientarse”, apuntou Pagazaurtundúa. Conscientes da sociedade mediática do momento e do contexto de crise, “o organismo aproveita para facer unha chantaxe emocional na que vende a prazos a fin dos ataques terroristas” co fin, segundo puntualizou a convidada, de conseguir achegarse ao poder “e de que os bos sexan tolerantes cos malos”.

A presidenta da Fundación Vítimas do Terrorismo destacou ademais que esta nova estratexia xa está en marcha coa legalización dos partidos Bildu e Amaiur, “o pistoletazo de saída para a impunidade de ETA por parte dos axentes sociais”, sobre a que leva traballando décadas e sen “transparencia”, segundo comentou a experta. "Todas as asociacións de vítimas do terrorismo xa o viñamos advertindo pero non foi suficiente”, engadiu.

Medo a pensar

Durante a súa intervención confesou que durante a súa época universitaria nunca pensara que ía rematar analizando a estratexia mediática dunha organización terrorista “xa que eu estudaba Filoloxía e pensaba que o relato sería o meu único obxecto de estudo”. Tamén afondou como o medo envolve os comportamentos e actitudes da poboación vasca e navarra, ata tal punto que moitos personaxes de relevancia social “non se atreven nin a pensar na posibilidade de demandarlle a ETA que condene a violencia”, exemplificou a convidada. Aludiu á falta de sentimento de responsabilidade da banda armada para manifestar que moitos terroristas que “deixaron de selo” son incapaces de recoñecer o fondo do mal causado “argumentando que ninguén é culpable xa que houbo mortos dun lado e de outro”. Ante esta forma de pensar por parte dos ex membros de grupos terroristas, a experta concluíu que “acostuman padecer alteracións cognitivas adaptadas ao seu egocentrismo extremo”.

O próximo convidado a este ciclo de conferencias do curso 2011-2012 da cátedra será o xornalista e columnista Alfonso Ussía, que visitará Pontevedra no próximo mes de abril.