DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Congreso de docencia universitaria coa participación de 500 persoas

As estratexias do ensino universitario analizaranse esta semana no campus de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/06/2009

500 persoas participarán os días 2,3 e 4 de xuño no I Congreso de Docencia Universitaria que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Chegados de Brasil, México, Portugal ou de diversos puntos da xeografía española, os docentes matriculados no congreso organizado polas universidades de A Coruña, Santiago e Vigo, poderán coñecer a diversidade de formas e estratexias de ensinar nas universidades, así como compartir experiencias e inquedanzas que non atoparon espazo noutros foros universitarios.
“Trátase”, afirma o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo, Pedro Membiela “dunha iniciativa pioneira que ten que ver coas actividades de formación e innovación educativa, un modelo de organización no que colaboran as tres universidades galegas”. Este primeiro ano é a Universidade de Vigo a encargada da organización do congreso, pero a idea é que continúe en próximas edicións nas universidades de A Coruña e Santiago.
Ata o de agora só nas universidades catalás se teñen desenvolvido algunhas actividades relacionadas coa innovación educativa, pero, segundo afirma Membiela “as institucións académicas están a asumir a importancia deste campo de traballo e a súa vital importancia nun proceso de cambio substancial”. Así esta semana no campus de Vigo e a través de comunicacións, obradoiros, relatorios e mesas redondas, afondarase na innovación educativa como unha ferramenta básica cara ao proceso de transformación que está a vivir o ensino universitario froito da súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.

O congreso en detalle

A inauguración do congreso que terá lugar o xoves ás 16.00 horas contará coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e dos vicerreitores de Formación e Innovación Educativa das universidades galegas. O primeiro do relatorios do congreso correrá a cargo de Juan Manuel Álvarez Méndez que falará sobre A avaliación ao servizo de quen aprende. A xornada continuará con comunicacións e obradoiros e unha mesa redonda sobre Docencia e innovación educativa o escenario dos novos plans de estudo universitarios, que contará coa intervención de Felipe Trillo, Mercedes Suárez e Mariló Candedo.
A sesión do venres comezará con comunicacións e obradoiros aos que seguirá a intervención das autoras irlandesas, Sarah Moore e Angélica Rísquez que “afondarán en cuestións prácticas en relación á docencia, ofrecendo orientación, consellos e reflexións de utilidade práctica”, sinala Membiela, nun relatorio titulado Ensinando na universidade. Estratexias eficaces e principios clave. A xornada pecharase cunha mesa redonda sobre A docencia e a innovación educativa no marco do EEES na que participarán as autoras irlandesas e Esther Balboa e Miguel A. Zabalza.
O congreso finalizará o sábado cunha xornada que comezará con comunicacións e finalizará coa conferencia de José Gimeno, Educar por competencias, que hai de novo?.
Durante os días que dure o congreso os participantes terán ocasión de tomar parte nunha serie de visitas guiadas como unha ruta natural pola ría de Vigo, un recorrido histórico-cultural pola contorna do Miño ou unha ruta pola cidade de Pontevedra.