DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación ESN mobiliza ao alumnado estranxeiro nos tres campus

O estudantado estranxeiro déixase ata a última gota de sangue

En colaboración co Centro de Transfusión de Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 23/03/2011

A solidariedade non coñece de fronteiras nin de idiomas por iso, a asociación estudantil International Exchange Erasmus Student Network (ESN), unha das maiores entidades europeas fundada para axudar ao intercambio de estudantes e que comezou a operar este curso na Universidade de Vigo organizou para este mércores en todas as súas sedes nacionais un evento de doazón de sangue entre os estudantes de intercambio, aínda que extensible a toda a comunidade universitaria en xeral. No campus de Pontevedra a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia situouse fronte a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte durante todo o día “para facilitar que o alumnado estranxeiro amose a súa faciana máis voluntarista e solidaria”, comentou Luis Trigo, membro da asociación.

Con esta iniciativa, ESN Vigo quere demostrar que “se pode contar coa colaboración do estudante de intercambio” xa que ademais “de estudar e aprender o idioma, tamén hai tempo para accións como a doazón de sangue”, engadiu Trigo. Este tipo de actividades axudan á integración e sirve “para concienciar á xente de que os Erasmus non soamente están de festa senón tamén para cando se necesitan”. A asociación acordou dúas localizacións máis para que calquera membro da comunidade universitaria, independentemente do campus ao que pertenza, poida doar. Así, en Vigo a unidade móbil emprazouse na sede da cidade da Escola de Enxeñería Industrial e en Ourense no Xardín do Posío en horario de tarde.

Acontecemento a nivel nacional

Pero o evento transcende as fronteiras galegas. Neste 23 de marzo “en todas aquelas universidades onde ESN España teña representación, haberá algún estudante estranxeiro doando sangue”. Deste xeito, todas as sedes de ESN do país “chegaron a un acordo cos centros de transfusión de cada comunidade para que puxesen a disposición dos estudantes o mesmo día unha unidade móbil nas inmediacións dos campus”, aclarou Trigo.

ESN Vigo é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en 2010 “coa finalidade de axudar e orientar a eses estudantes que aterran por primeira vez nun país estraño e que non saben os primeiros pasos que hai que dar”. Está formada principalmente por alumnos e alumnas que gozaron dunha bolsa de intercambio e que coñecen “o que é chegar a un país descoñecido, polo que entendemos moi ben as súas necesidades”.

O seu principal obxectivo é facilitar a súa integración proporcionándolles axuda e información sobre cuestións como trámites burocráticos, aloxamento ou orientacións académicas. “O que máis lles interesa ao chegar é a nosa colaboración na procura dun lugar onde vivir, por iso optamos por asignarlles unha especie de padriño que os guía durante os primeiros días”. Ademais desta axuda, organizan viaxes a distintos puntos da xeografía galega e española así como actividades máis lúdicas e culturais “como picnics ou barbacoas para confraternizar e que non soamente se relacionen coa xente do seu país, senón cos españois e con estudantes de outras rexións”. Luis Trigo adiantou que na actualidade ESN Vigo se atopa realizando unha enquisa entre os estudantes de intercambio “para posteriormente elaborar un informe que nos achegue as verdadeiras necesidades do noso público”.