DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A preinscrición permanecerá aberta ata o vindeiro venres

O estudantado estranxeiro mergullarase este verán na lingua e cultura galegas a través dun curso da Área de Normalización Lingüística

Nesta terceira edición do curso, cada participante contará co asesoramento dun voluntario lingüístic

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 21/04/2009

Unha oportunidade para que calquera persoa de fóra de Galicia coñeza máis de preto a cultura e a lingua galegas é o que ofrece, por terceiro verán consecutivo, a Área de Normalización Lingüística da Universidade. Trátase dun curso elemental e outro intermedio, impartidos entre Vigo e Allariz, co obxectivo de que “o alumnado teña un coñecemento completo mergullándose na realidade social, natural e cultural da Galicia costeira e de interior, unha experiencia case única e irrepetible para calquera estudante estranxeiro”, sinala Henrique Costas, director da ANL.
Clases teórico-prácticas, excursións, visitas culturais, conferencias e encontros con persoeiros compoñen o programa destes cursos, que se impartirán, simultaneamente, no mes de xullo. Nesta liña, cabe destacar o papel do voluntario lingüístico, “unha persoa que acompaña e préstase a manter unha conversación para que a aprendizaxe lle resulte máis doada co fin de practicar a lingua”, explica Costas. Como novidade este ano, “todos o estudantado disporá de cadanseu voluntario”.
Do día 3 ao 15 as clases serán na Facultade de Filoloxía e Tradución e as saídas e demais actividades terán lugar nos arredores de Vigo e comarcas próximas. Do 16 ao 27 a programación trasládase ao interior, con docencia no Instituto de Allariz e visitas por toda a provincia de Ourense, chegando a Santiago de Compostela.
O curso está a ter un grande éxito entre o alumnado. A pasada edición participaron estudantes chegado de Francia, Alemaña, Polonia, Hungría, Italia ou Reino Unido ...así ata máis de 20 países diferentes. Costas comenta o caso curioso de catro palestinos que se inscribiron no primeiro ano sen ter idea algunha da nosa lingua e “saíron entendendo o galego, defendéndose perfectamente nas situacións máis cotiás”.

Un cóctel de arte, literatura, música, cine e lingua

Baiona-A Guarda-Tui será o primeiro dos itinerarios que rematará nunha visita guiada, polo arqueólogo Xosé Lois Vilar, aos petróglifos do Val Miñor. De aí as actividades levarán aos e ás participantes ao museo de Castrelos, á península do Morrazo, Pontevedra e Combarro ata o traslado a Allariz, segunda fase da programación. Unha vez instalados na vila, as excursións e visitas descorrerán polos canóns do Sil, o museo Liste, o mosteiro de Oseira, o castro de San Cibrao, Celanova, Bande, o Ecoespazo do Rexo ata chegar á capital galega o día 26 de xullo, en plenas festas do patrón.
Polo que respecta ás conferencias e aos encontros con persoeiros, o alumnado participante poderá compartir verbas con Anxo Angueira, Gonzalo Navaza, Luz Méndez, Iván Area, Antón Dobao e Anxo Angueira. A música, un elemento insignia da nosa cultura, tampouco ha faltar, polo que disfrutarán dos sons da Orquestra Nacional do Batallón, do cantautor punk Leo de Matamá e de Ultreia, un obradoiro de música tradicional onde se chegan a tocar ate medio cento de instrumentos diferentes.
Silvia Penas e Elvira Riveiro, licenciadas en Filoloxía Galega e con ampla experiencia en docencia de lingua e cultura galegas para non-galegos, serán as encargadas de impartir as clases teóricas. Serán de luns a venres, de 09.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 17.30 horas.

Matrícula e bolsas

Ofrécense un total de 35 prazas, 20 para o curso de nivel elemental e 15 para o intermedio. Para sufragar os gastos, os 15 mellores expedientes da primeira lista e os 10 do curso intermedio obterán cadansúa bolsa de 450 euros, que serán aboadas unha vez remate a actividade.
O alumnado interesado en participar deberá facer a preinscrición, con data límite este venres 24 de abril, enviando á ANL o boletín cuberto que aparece no seguinte enderezo web engadindo e o currículo vitae para poder optar a unha das 25 bolsas ofertadas, así mesmo aquelas persoas que queiran inscribirse no curso intermedio cómpre que teñan previamente o certificado de curso elemental ou equivalente.
Os e as admitidas deberán aboar 90 euros en concepto de matrícula para estaren oficialmente inscritos e recibir as instrucións precisas sobre o curso. As excursións e visitas culturais, así como o traslado Vigo-Allariz do día 15 correrán a cargo da organización.
Unha vez finalizado o período de docencia, as persoas que superen os cursos obterán unha certificación oficial de coñecemento elemental ou intermedio da lingua galega expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.