DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudantado de Fisioterapia poderá realizar o prácticum nos centros de Fremap

Froito da sinatura dun convenio de cooperación educativa entre ambas entidades

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 03/02/2010

A relación coa súa contorna é un dos eixos estratéxicos da Universidade de Vigo e a realización de prácticas é un bo xeito de estreitar lazos co tecido empresarial ao tempo que se estimula e facilita a formación complementaria do estudantado. Así, a institución académica vén de asinar un convenio de cooperación educativa coa mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais Fremap para a realización do prácticum do alumnado da Escola Universitaria de Fisioterapia.
O obxectivo desta colaboración é aproveitar e potenciar os recursos docentes, metodolóxicos e de exercicio para cooperar nos procesos de formación do estudantado a través de programas que faciliten a posterior inserción laboral dos titulados, neste caso centrándose neste período obrigatorio de prácticas que deben cursar os estudantes de Fisioterapia. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, destacou esta colaboración por tratarse “dunha mutua que goza dun elevado recoñecemento social, algo moi importante para a formación dos nosos estudantes”. Area destacou tamén o especial da titulación pola repercusión pública dos fisioterapeutas e agradeceu a axuda de Fremap para mellorar a formación dos futuros profesionais en centros como o de Vigo, polo que cada día pasan arredor de cen pacientes.
Ademais, Area salientou a importancia da sinatura de convenios de colaboración con empresas para a realización de prácticas e apuntou que “o 75% dos nosos estudantes realizan prácticas pre-profesionais, un dato revelador” que demostra a integración da institución no tecido empresarial.

Unha formación totalmente práctica

O director rexional de Fremap, Carlos A. Llanos explicou que os alumnos recibirán unha formación totalmente práctica e, baixo a supervisión dos fisioterapeutas, poderán traballar cos pacientes a diario. Os alumnos poderán elixir entre os centros que a mutua ten en Galicia: dous en Vigo, un en Pontevedra, outro en Vilagarcía, Porriño, Ourense, Santiago, Coruña, Ferrol, Lugo e Burela. Varios destes centros son hospitais, como o do Castro en Vigo, polo que as prácticas académicas “non serán só en centros asistenciais, senón tamén en centros hospitalarios”, apuntou o director de Fremap en Vigo, Augusto Gómez. Os dous responsables da mutua incidiron na implantación da mesma en toda Galicia, facilitando a escolla de destino para estudantes que, segundo apuntou Iván Area, “proceden de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade, xa que se trata dunha titulación exclusiva no sistema universitario galego”.