DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso organizado pola Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores e a Área de Emprego

O estudantado formarase en intelixencia emocional, habilidades sociais e motivación

O prazo de matrícula está aberto ata o 9 de xaneiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 19/12/2011
Con independencia do ámbito do saber e da titulación cursada, existen unha serie de coñecementos que ao longo da vida laboral van precisar todos os profesionais. Son as competencias horizontais, materias que habitualmente non se inclúen nos plans de estudo pero que contribúen a enfrontarse a determinadas situacións no eido laboral. Para achegar aos futuros titulados a estes coñecementos, a Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores e a Área de Emprego organizan o curso formativo en Competencias Horizontais.

Ofrece un total de 30 prazas, aínda que conta con máis de 70 preinscritos, o que demostra que o estudantado é tamén consciente da necesidades de dotarse de formación en temas como a intelixencia emocional, habilidades sociais e motivación. A docencia desenvolverase entre o 13 de xaneiro e o 17 de febreiro, principalmente os venres pola tarde. Está dirixido preferentemente a estudantes universitarios que estean finalizando os seus estudo, priorizando a participación de alumnos e alumnas dos últimos cursos.

Segundo explica José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego, “as competencias horizontais están relacionadas coa formación dun estudante universitario que se recoñecerá no mundo laboral cando se deba enfrontar a unha situación como profesional ou investigador”. Con este obxectivo o curso ofrece unha formación introdutoria ás destrezas e habilidades transversais que máis se valoran no mercado laboral e estará impartido por profesionais de recoñecida experiencia no sector dos recursos humanos e do coaching.

Contidos

Ao longo das preto de 30 horas que dura a docencia, os asistentes poderán desenvolver as súas habilidades relacionadas coa intelixencia emocional, o autocoñecemento e a autoestima, así como as ferramentas para potencialas, a motivación e o funcionamento do cerebro neste proceso, a irracionalidade ou a autonomía. Por outra banda, trataranse tamén as habilidades sociais, como liderado, as ferramentas de comunicación eficaz, o traballo en equipo, a empatía, a asertividade e resolución de conflitos así como a busca da felicidade no traballo a través da psicoloxía positiva, o optimismo, o benestar e a saúde.