DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu Proxecto Fin de Carreira, presentado este xoves na ETS de Enxeñeiros de Minas

Un estudante de Enxeñaría de Minas “introduce” o vehículo eléctrico no Concello de Vigo

Alberto González analiza a viabilidade da implantación deste modelo de transporte na cidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Sara Alcázar DUVI 17/06/2010
As vantaxes ofrecidas polos vehículos eléctricos de última xeración son moi numerosas, salientando a diminución da contaminación medioambiental e acústica e a súa eficiencia e economía, polo que resultan unha alternativa sostible fonte aos vehículos convencionais. Pero aínda así, son moitas as inquedanzas que rodean a estes novos modelos eléctricos, como canto consumen realmente ou cales son as súas emisións e prestacións.
Para dar resposta a estas preguntas, o estudante da ETS de Enxeñeiros de Minas, Alberto González, presentou este xoves na escola o seu Proxecto Fin de Carreira, titulado Implantación de vehículos eléctricos no Concello de Vigo, e dirixido polo profesor da Universidade, Jorge Marcos Acevedo.
“Trátase dunha ferramenta referente na análise da viabilidade deste modelo de transporte, co fin de respaldar a súa implantación na flota do parque móbil do Concello” explicou González, que finalmente foi recompensado cunha matrícula de honra polo seu traballo.
Durante a presentación do proxecto, o estudante da ETS de Enxeñeiros de Minas realizou unha análise completa dos aspectos que afectan á decisión de adquisición dos vehículos eléctricos, centrada nun estudo económico e de impacto medioambiental comparado entre os novos modelos e os convencionais. Para iso, González levou a cabo unha recompilación de información sobre a flota actual do Concello e os servizos realizados, así como das vías e características do tráfico do municipio, para a formulación de propostas óptimas segundo a oferta de vehículos eléctricos e convencionais dispoñible no mercado.
“O obxectivo do proxecto é demostrar o impacto positivo e os beneficios desta nova tecnoloxía que, pese a o que se adoite a pensar, está bastante madura para ser implantada, como acontece nas cidades de Barcelona ou Londres” afirmou González.
O estudante da ETS de Minas tamén presentará o seu proxecto, aínda sen data fixa, ante a Concellería de Mobilidade, Transporte e Seguridade para amosar os beneficios dunha posible implantación do vehículo eléctrico na súa flota, “e na procura de que se inclinen cara a súa adquisición nun futuro próximo” comenta o estudante.

Simulación virtual do comportamento do vehículo eléctrico

O Concello de Vigo dispón dunha flota de máis de 200 vehículos que conforman o seu parque móbil, que, a unha media de seis kilos de CO2 ao día por coche, supoñen a emisión de máis dunha tonelada de gases contaminantes á atmosfera por cada xornada de traballo.
Para evitar este tipo de problemas enerxéticos e medioambientais, Alberto González propuxo no seu proxecto a simulación dun caso práctico baseado na implantación dunha flota de vehículos eléctricos no Concello en substitución dos actuais.
Para levar a cabo unha comparación entre ambos modelos, González escolleu os vehículos do parque móbil que dispoñen dun símil eléctrico actualmente á venda no mercado, “cunhas prestacións que poidan reemplazar aos vehículos convencionais cubrindo todos os requisitos necesarios para desenvolver a mesma actividade en termos produtivos, de calidade e de seguridade” indicou o estudante.
Grazas á ferramenta deseñada por González, programada en Matlab e Simulink, é posible simular nunha contorna virtual o comportamento do vehículo eléctrico seleccionado -un furgón marca MODEC, con 160 km de autonomía- que reproduce o funcionamento da batería de litio e do vehículo en xeral. Deste xeito, a proposta de Alberto González permite comparar os resultados obtidos co vehículo eléctrico co comportamento dos vehículos convencionais baixo as mesmas condicións, co fin de estudar o impacto económico e medioambiental de ambos modelos e definir as súas vantaxes e puntos débiles.

Un modelo de transporte sostible “moi viable”

Entre as prestacións presentadas polo vehículo eléctrico proposto no proxecto de Alberto González cabe salientar a súa autonomía enerxética, cifrada en 133 kilómetros e o seu consumo diario, que é de 14,6 Kw á hora, o que se traduce en 3750 KW anuais.
Pero entre as vantaxes máis importantes do coche eléctrico salientan a vida útil deste modelo, que alcanza os dez anos, pudendo chegar aos quince cunha leve diminución das súas prestacións e a significativa diminución das emisións de CO2 á atmosfera, que no caso do vehículo eléctrico son de 68,6 gr/km, fronte aos 250 gr/km de media emitidos por un modelo convencional. Así mesmo, e segundo explicou González, “o subministro dos vehículos eléctricos procedería de fontes 100% renovables e non contaminantes presentes na zona, como a enerxía eólica e a solar fotovoltaica”.
No aspecto económico, a adquisición dun vehículo eléctrico ascende aos 70.200 €, segundo os datos proporcionados por González, o que resulta unha cifra de contraste fronte ao prezo dos vehículos convencionais, e que supón que o novo modelo comezaría a ser rendible a partir dos 30.000 km ao ano.
Deste xeito, e co custo de funcionamento -de 0,61 €/km no modelo eléctrico e 0,43 no convencional- como único punto débil, a balanza inclínase positivamente demostrando a viabilidade da implantación do vehículo eléctrico, facendo fincapé no seu impacto positivo na imaxe corporativa das institucións dispostas a realizar o cambio. “Isto débese a todos os beneficios que achega esta tecnoloxía, sobre todo de caracter medioambiental e de saúde, ademais de supor un menor mantemento” afirma o estudante.