DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alexandra Fernández logra unha das Bolsas Universia Fernando Alonso

Unha estudante de LADE na “pole position” das prácticas profesionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/06/2008

Dúas materias, das que se examinará en próximos días, separan a Alexandra Fernández de converterse en licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo.
Ademais dun bo expediente hai “algo máis” que diferenza a esta estudante de Vigo dos seus compañeiros, e é ter asegurados tres meses de prácticas nunha sucursal do Banco de Santander. Xunto a outros 99 universitarios de toda España, Alexandra Fernández foi seleccionada para recibir unha Bolsa Universia Fernando Alonso de prácticas profesionais que ten o obxectivo de fomentar a experiencia profesional dos estudantes universitarios para facilitarlles o acceso ao mercado laboral.
“Eu sempre quixen traballar nun banco e a concesión desta bolsa é unha moi boa oportunidade para o meu currículo”, di Alexandra que tamén ten claro que “a banca é un sector no que hai moita competencia e no que moitos compañeiros queren traballan. De feito tras marketing, finanzas é a especialidade que máis xente ten”.
Alexandra recibirá, como o resto de universitarios seleccionados ,a súa bolsa nun acto que se celebrará en Madrid e no que ademais do presidente de Universia, Emilio Botín, participará o piloto de Fórmula 1, Fernando Alonso. Precisamente, o piloto asturiano ofrecerá unha clase maxistral de condución e competirá contra un dos bolseiros no GP Universia. “ Aínda que non son afeccionada á Fórmula 1, claro que me fai ilusión coñecer a Fernando Alonso”, asegura Alexandra que tamén se animaría a competir co piloto asturiano, “aínda que non me gustaría facer o ridículo”,di.

Expectativas profesionais

“A Economía sempre me gustou e desde que empecei a carreira, a idea de traballar nun banco, foi cobrando forza”, asegura Alexandra Fernández que explica a súa preferencia por que “o traballo nun banco me parece un posto cómodo, cun bo salario e con bastantes posibilidades de promoción”.
Sen embargo Alexandra non é allea ao momento que atravesa a economía “aínda que a banca estea neste momento en crise, cando se recupere é o sector onde máis traballo podemos atopar”.
A piques de rematar o seu paso polas aulas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Alexandra Fernández non descarta continuar a súa formación, aínda que tamén ten claro que “si podo continuar as prácticas unha vez finalizada a Bolsa Universia me gustaría seguir traballando e se non, pensaría en facer un máster ou ir ao estranxeiro”.
Alexandra que ten clara a importancia que as empresas conceden ás prácticas profesionais á hora de incorporar titulados, tamén recomenda aos que aínda estean cursando a licenciatura que “estuden e saquen a carreira ano a ano, que non custa tanto. Con esforzo e constancia o conseguín”, afirma.