DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tomás Aparicio Ayán foi seleccionado, xunto a outros 15 estudantes, de entre 60 candidatos

Un estudante do PCEO ADE-Dereito da UVigo participará na segunda edición do Cuatrecasas Challenge 

A parella gañadora recibirá unha axuda económica destinada a cursar un mestrado 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/01/2023

Tomás Aparicio Ayán, estudante do PCEO ADE-Dereito da UVigo é un dos alumnos e alumnas de universidades públicas e privadas españolas seleccionado para participar na 2ª edición do Cuatrecases Challenge, unha competición nacional do ámbito do dereito empresarial, na que as e os participantes deberán resolver un caso práctico elaborado pola Área de Conocimiento e Innovación do despacho, ante un tribunal formado por socios da firma. O estudante da UVigo foi elixido xunto a outros 15 alumnos e alumnas de institucións de ensino superior de toda España, de entre 60 candidaturas de 21 universidades. “A clasificación para o Cuatrecasas Challenge supón unha oportunidade inmellorable para aprender e pór en práctica todos os coñecementos obtidos durante as clases. Ademais, poder pór en práctica ditos coñecementos ante un despacho tan importante como Cuatrecasas é algo que me chea de enorme satisfacción”, explica Tomás Aparicio. 

Todas e todos os seleccionados para participar na segunda edición do Cuatrecases Challenge son estudantes do derradeiro ano do Grao ou PCEO en Dereito, cunha excelente traxectoria académica e alto nivel de inglés. Por parellas, as e os participantes deberán, nunha primeira fase, que se celebrará o 31 de xaneiro, realizar unha proba escrita e, posteriormente, unha proba oral o 23 de febreiro na oficina de Cuatrecasas en Madrid. “Na primeira fase, xunto á miña compañeira, teremos que dar resposta a un caso multidisciplinar, no que hai que tratar distintas áreas do dereito e estamos traballando para dar coas respostas máis acertadas. Na segunda fase, que é oral, poderemos defender as nosas respostas ante un tribunal”, detalla Tomás Aparicio, que asegura que “teño moitas ganas de poder expoñer o noso traballo ante socios do despacho. É una oportunidade moi boa para seguir poñendo en práctica as habilidades de oratoria e comunicación”.

O 23 de febreiro seleccionarase a parella gañadora e outra semifinalista, que contarán, cada unha delas, cunha axuda económica destinada ao Mestrado de acceso á avogacía ou dobre mestrado con especialización, ademais da oportunidade de realizar as prácticas do máster de acceso na súa área de preferencia en Cuatrecasas.

Mellor orador do I Torneo de Debate Aduma

A selección de Tomás Aparicio para participar na 2ª edición do Cuatrecasas Challenge prodúcese poucas semanas despois de que o estudante da UVigo acadase o galardón ao mellor orador no I Torneo de Debate Aduma, organizado pola Asociación de Debate Universitario de Málaga e no que a Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo, ao que Aparicio pertence, proclamouse gañador do certame.