DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous alumnos da Escola de Informática de Ourense estiveron entre os nove finalistas

Unha estudante da Universidade da Coruña gaña o premio convocado por Igalia ao mellor proxecto fin de carreira con software libre

Deseñou unha ferramenta que aumenta o rendemento de procesos que se executan entre varios equipos in

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 18/11/2009

Sabela Ramos, estudante da Universidade da Coruña, vén de recibir o Premio ao mellor proxecto fin de carreira con software libre 2009 convocado por Igalia polo deseño dunha ferramenta informática que permite aumentar o rendemento de procesos que se executan entre varios equipos informáticos. O accesit foi para Carlos López, alumno da mesma institución académica, pola posta en marcha dun xestor de puntos de acceso wifi. Ao certame presentáronse estudantes das tres facultades de informática de Galicia e entre os nove finalistas había dous estudantes da Escola de Informática de Ourense: Jorge Breogán López e Javier Terceiro.
O certame está organizado por Igalia, unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento de aplicacións con software libre. O fallo decidiuse na Escola de Informática de Ourense, no transcurso dun acto no que os nove finalistas presentaron os seus respectivos proxectos ante o tribunal, formado por Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense; Manuel Penedo, da Universidade da Coruña; José Ramón Ríos, da Universidade de Santiago de Compostela; Mar Castro, de Mancomún –Centro de referencia e servizos de software libre da Xunta de Galicia-; e Alejandro Piñeiro e Andrés Maneiro, da empresa Igalia.

Alto nivel e calidade dos proxectos presentados e decisión unánime do tribunal

Trala deliberación dos membros do xurado e o fallo dos premios, Andrés Maneiro subliñaba o alto nivel e calidade dos proxectos presentados ao certame e a “decisión unánime” do tribunal á hora de conceder os premios. As bases do concurso sinalaban os aspectos técnicos do proxecto e o proceso da súa elaboración e resultados como factores decisivos á hora de decidir o gañador. No caso do proxecto de Sabela Ramos, os membros do tribunal valoraron moi especialmente “a súa integración con outros proxectos reais”.
Biblioteca de primitivas colectivas de paso de mensaxes en sistemas multi-core é o título do proxecto fin de carreira de Sabela Ramos. Trátase dunha ferramenta que facilita a comunicación entre varios equipos informáticos que executan o mesmo proceso, co que se consegue aumentar o rendemento dos equipos e a velocidade na obtención de datos. Carlos López, pola súa banda, deseñou un proxecto fin de carreira titulado UGABI: xestor de ancho de banda inarámico. Trátase dun xestor de puntos de acceso wifi que posúe moitas prestacións. Entre elas, facilita a xestión dos usuarios que están conectados (alta dos usuarios, cobros...), e tamén lle permite ao administrador coñecer e controlar quen está accedendo ao sistema. Andrés Maneiro sinala, así mesmo, que esta ferramenta “garantiza a calidade do servizo contratado e a independencia de datos entre usuarios”.

J. Breogán López e Javier Terceiro, da Escola de Informática de Ourense, entre os finalistas

Entre os nove finalistas do certame figuraban dous estudantes da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense: Jorge Breogán López e Javier Terceiro. O proxecto fin de carreira de Jorge Breogán leva por título XAS: sistema de autenticación extensible, unha ferramenta destinada a grandes organizacións, especialmente centros de ensino, que permite controlar o acceso aos ordenadores do centro. Javier Terceiro, pola súa banda, traballou nunha ferramenta de meta-administración centralizada de equipos, destinada a medianas e grandes empresas que posúen un gran número de ordenadores. Segundo explica o propio Javier, “permite instalar os equipos e administralos dunha maneira moi sinxela, o que supón aforro de tempo, de persoal e unha garantía de que as máquinas se atopan en bo estado”, declara.
A dotación do certame é de 1.000 euros para o primeiro premio, e 500 para o accessit. E a súa posta en marcha persegue unha dobre finalidade. Nas palabras de Andrés Maneiro, “o que pretendemos é por en valor o traballo que realizan os estudantes no seu proxecto fin de carreira, e tentamos tamén fomentar o uso de software libre nestes proxectos”.