DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola UNE e o Instituto Cervantes en colaboración coa Universidade de Vigo

Estudantes e académicos internacionais reuniranse no I Foro Editorial de Estudos Hispánicos e Americanistas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 06/04/2010
Servir de punto de encontro entre académicos e estudantes de España e América Latina e promover o libro universitario como vehículo de transmisión de coñecementos académicos e científicos son os principais obxectivos do I Foro Editorial de Estudios Hispánicos y Americanistas, organizado pola Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE) e o Instituto Cervantes en colaboración coa Universidade de Vigo.
Baixo o título España e América no Bicentenario das Independencias, o encontro reunirá durante os días 21, 22 e 23 de abril na Universidade Jaume I de Castellón a editores universitarios, investigadores, profesorado e estudantes hispanistas e americanistas de diversas nacionalidades co fin de coñecer os derradeiros avances na investigación dos estudos sobre ambas nacións.
Política, cultura e comunicación de España e América; linguas e literaturas e historia son os tres eixos temáticos nos que se centra o congreso, que se tratarán nas 54 comunicacións, conferencias e mesas redondas impartidas por expertos internacionais neste campo.

Programación do foro

A historia de España e América centrará os contidos da primeira xornada, que dará comezo coa conferencia Las independencias: creadoras de naciones, da man de Jaime E. Rodríguez, profesor da Universidade de California. A xornada continuará con dous relatorios centrados na independencia das colonias americanas e, finalmente, celebrarase unha mesa redonda sobre as últimas tendencias en investigación na historia de ambos países. Fernando González Ollé, membro da Real Academia Española, será o encargado de inaugurar a segunda xornada, na que Don Quijote e Francisco Ayala serán os protagonistas dos relatorios centrados na lingua e literatura española e latinoamericana. O programa para o xoves completarase cunha mesa redonda sobre a investigación e xestión literaria e unha videoconferencia sobre Jorge Luis Borges.
Por último, a derradeira xornada acollerá as conferencias sobre política, cultura e comunicación de España e América e unha mesa redonda tras as que terá lugar a clausura oficial do foro.

Un espazo dedicado ás publicacións universitarias no ámbito Humanístico

Promover o libro universitario como publicación de prestixio para a transmisión de coñecementos académicos e científicos conforma outro dos pilares do encontro. Por este motivo, paralelamente á celebración do foro, terá lugar o I Salón del Libro Universitario UNE, un espazo no que autores e editores intercambiarán as súas experiencias sobre os contidos e tendencias das publicacións universitarias centradas na investigación en Ciencias Humanas e Sociais, cunha representación do 56% da produción editorial universitaria española. A Universidade de Vigo aproveitará este encontro para amosar a súas publicacións neste ámbito, nunha cita na que os asistentes ao I Foro Editorial de Estudos Hispánicos e Americanistas poderán coñecer as novidades bibliográficas das editoriais universitarias españolas e latinoamericanas.