DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foron recibidos/as polo reitor e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais

Estudantes de Asia e África aprenden español no campus

Ademais das clases de idioma, recibirán información sobre diferentes aspectos da cultura española

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/01/2019

Son 16 mozos e mozas procedentes de Malaisia (8), India (2), Filipinas (1), Indonesia (1), e Namibia (1) e o seu obxectivo é aprender español, familiarizarse coa vida universitaria de España e achegarse ás peculiaridades da xeografía e cultura galegas para así o curso que vén poder matricularse nun grao ou máster nunha universidade española. Falamos dos alumnos e alumnas do Curso de español. Lengua, cultura y adaptación a la universidad española, coorganizado polo Centro de Linguas e a entidade Campus Spain, e que hoxe foron recibidos polo reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que, ademais de darlles a benvida, os animaron a continuar os seus estudos nalgunha escola ou facultade da institución académica viguesa.

Cinco destes estudantes chegaron xa o pasado mes de outubro (curso anual 2018/2019) e os outros 11 incorpóranse agora (curso semestral 2019). De aquí ao vindeiro mes de xullo todos completarán un programa de 540 horas de clase regulares de lingua e cultura española e 210 horas de titorías, actividades complementarias, visitas académicas, excursións, talleres... “Os estudantes do curso anual teñen un programa de 15 horas de clases semanais e os do curso semestral de 20 horas”, explica a xefa de estudos do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, ao que engade que estas clases se imparten de luns a xoves en horario de mañá e os venres quedan reservados para as actividades culturais e visitas académicas.

O reto de aprender a falar e escribir español en apenas seis meses

“A maioría destes estudantes chegan cun bo nivel de inglés, pois moitos deles estudaron en colexios internacionais, pero sen saber absolutamente nada de español”, recalca Álvarez, ao que engade que “son alumnos moi implicados, que se esforzan moito e, de feito, os que chegaron en outubro acreditarán este mesmo mes o nivel A2 (básico) de español”.  Máis difícil resulta con aqueles alumnos que chegan sen saber nada de español e moi pouco de inglés, unha situación que, tal e como salienta Álvarez, “é para nós todo un reto profesional, pois en xullo examinaranse do nivel B2 de español, que se corresponde cun grao avanzado de coñecemento deste idioma”.

Previamente á recepción co reitor e a vicerreitora, os 11 alumnos do curso semestral asistiron a unha charla de orientación académica na Facultade de Filoloxía e Tradución na que se lles explicou o funcionamento do curso e dos diferentes servizos que teñen ao seu dispor na Universidade de Vigo (biblioteca, sala de ordenadores, wifi gratuíto, instalacións deportivas...). Foi o punto de arranque dun curso que continuou logo nas instalacións do Centro de Linguas coa súa primeira clase de español, neste caso da man da profesora Diana Durán.