DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Xornada de Portas Abertas 2023

Estudantes de bacharelato de toda Galicia percorren CINTECX nunha ruta do tesouro repleta de actividades científicas

Tamén participaron nas visitas as alumnas e alumnos do Programa de Maiores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 27/10/2023

Máis dun cento de estudantes de bacharelato tecnolóxico de diferentes centros da comunidade galega e do Programa de Maiores da UVigo participaron este venres na Xornada de Portas Abertas CINTECX 2023, unha actividade na que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man, a modo de ruta do tesouro, as instalacións e os grupos de investigación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, da Universidade de Vigo.

A directora do centro, Concepción Paz,  foi a encargada de darlles a benvida aos participantes e explicarlles, en grandes liñas, o labor de CINTECX, un centro punteiro no deseño e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas fronte aos retos aos que se enfronta a sociedade.

Divididos en grupos e mapa na man

Os primeiros en completar a ruta foron os alumnos e alumnas do IES Carlos Casares de Vigo seguidos dos do IES Beade. A continuación, chegou o alumnado do IES Castro de Vigo e do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Divididos en grupos e mapa na man, percorreron o centro experimentando nas diferentes actividades que as investigadoras e investigadores de CINTECX lles tiñan preparadas. Aprenderon sobre o procesamento de materiais con láser, a remediación de augas contaminadas, a corrosión, a termografía infravermella, os biosurfactantes e novos compostos biodegradables, a montaxe de maquinaria... A maiores tamén puideron coñecer con detalle que hai no subsolo, o funcionamento de láser, o banco de probas de motor asíncrono, ver o descoñecido a través do xeorradar,  o uso da cámara de alta velocidade ou por que o ceo é azul. Non quedou recuncho de CINTECX polo que non pasara algún ou algunha estudante.

Ao rematar a ruta, os estudantes participaron nunha proba na que tiveron que responder preguntas sobre as actividades realizadas, unha competición moi rifada na que as ganadoras e ganadores de cada grupo recibiron agasallos para recordar a experiencia. “Foi unha actividade moi dinámica e divertida e imos coa sensación de ter aprendido moito”, sinalaban os estudantes do IES Carlos Casares.