DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas II Olimpíadas Galegas de Economía, celebradas este venres na Facultade de CC Económicas e Empres

Estudantes de bacharelato de toda Galicia poñen a proba os seus coñecementos de economía

Os tres finalistas representarán a Galicia na fase nacional entre o 30 de xuño e o 2 de xullo en Ten

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 25/06/2010
Co carné de identidade e a calculadora na man, estudantes de segundo de bacharelato de toda Galicia, matriculados en materias relacionadas coa economía, déronse cita este venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo para poñer a proba os seus coñecementos nas II Olimpíadas Galegas de Economía, organizadas polas tres universidades galegas e a Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (Agaedes).

Os participantes na proba, na que tamén colaboran a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e o Colexio de Economistas de Pontevedra, enfrontáronse a un exame de dúas horas e media, durante as que responderon a un total de cinco preguntas teóricas, casos prácticos e un comentario de texto sobre o coñecemento e aplicación dos conceptos propios da materia de Economía, de primeiro curso e de Economía e Organización de Empresas, de segundo.

Unha proba que os propios estudantes atoparon doada, posto que aínda conservan “frescos e recentes” os contidos das materias de economía, das que se examinaron na selectividade a semana pasada. Segundo explica o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, Santiago Gómez, a finalidade do concurso é incentivar e estimular o estudo desta materia entre os máis novos, premiando o seu esforzo e excelencia académica, “ao tempo que contribúe a cohesionar as ensinanzas medias e superiores de carácter economico-empresarial, a establecer vínculos estables entre as facultades e, por que non, para pasar un bo rato e recoñecer o labor dos bos estudantes” indica Gómez, que nesta ocasión tamén preside a Comisión Académica das Olimpíadas.

Este comité, conformado tamén por un profesor de cada unha das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e un representante de Agaedes, será o encargado de cualificar os exercicios e clasificar ordenadamente aos participantes segundo a puntuación obtida, que esta mesma noite poderán coñecer os resultados das probas. As cualificacións publicaranse nas páxinas web de Agaedes e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Participación na fase nacional e ordenadores portátiles como premio

Os tres estudantes con mellores cualificacións representarán a Galicia na fase nacional da proba, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 2 de xullo de 2010 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de la Laguna, en Tenerife, na que se agarda a participación de máis dunha quincena de facultades españolas. Segundo apunta Gómez, “para os alumnos participar neste encontro supón un reto, unha experiencia e a posibilidade de xuntarse con estudantes de toda España nun ambiente de san competencia”. Ademais, os tres finalistas obterán un ordenador portátil, ao igual que os tres centros coa mellor nota media obtida polos seus estudantes.

Pola súa banda, aos primeiros dez clasificados na proba reembolsaráselles o importe íntegro das taxas de matrícula no caso de facelo nalgunha das titulacións impartidas nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais ou de Administración e Dirección de Empresas do SUG.