DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 30 de xuño na Galería Sargadelos

Estudantes de Belas Artes expoñen en “4 cuartos=14” os seus proxectos máis persoais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 09/06/2009

O mellor e o peor está dentro de nós mesmos. Tamén o máis auténtico. A mirada interior non é doada pero si precisa para reconciliarnos con nós mesmos. Ese exercicio foi o que ao longo do último cuadrimestre viñeron realizando os estudantes da materia Escultura IV da licenciatura de Belas Artes e do que agora expoñen o resultado na mostra 4 cuartos=14 que inauguran este martes, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos.
Catorce artistas, catorce problemas e catorce formas de resolvelos e presentalos ao público conforman a filosofía que guiou esta “introdución ao concepto de proxecto persoal”, segundo a cal está concibida a materia, impartida pola catedrática de escultura Yolanda Herranz. “O problema tiña que estar indisolublemente unido ao artista”, explica e o obxectivo final era a realización de “dúas pezas rematadas, listas para expoñer ao público” .
Iván Ferreiro, Alba González, Lucía García, Eva González, Manuel González, Sofía Grañido, Borja Gutiérrez, Almudena Leiras, Elsa Lis, Gema López, Noelia López, Blanco Lorenzo, Yolanda Lorenzo e Gabriela Núñez conforman a nómina completa de estudantes que integran a mostra. Herranz sinala que a escultura tórnase aquí nun “marco dilatado” porque o que importa é “que cada proxecto se materialice no que precise”. Eliminar condicionamentos, mesmo aqueles derivados do soporte, foi outro dos guieiros de cada traballo. Deste xeito, as propostas recollidas na mostra son moi variadas. Performances, fotografías, vídeos, montaxes ou instalacións nas que baldosas de plástico, ladrillos estampados ou escenas urbanas actúan de verdadeiros símbolos.

Unha actividade que non remata no taller

Aínda que o punto que levou a maior parte da atención foi a descuberta e tratamento do problema, a catedrática de Escultura quixo que os estudantes entrasen en contacto con outros aspectos do traballo expositivo, “que non remata no taller”, apunta. Así tomaron conciencia de todos os pasos posteriores como a realización da montaxe na propia sala, a elaboración de fichas técnicas das obras ou o contacto cos medios de comunicación.

Aberta ao público ata finais de mes

A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de xuño e poderá visitarse de luns a venres, en horario de 9.30 a 13.30 e 17.00 a 20.30 horas e de 10.00 a 13.30 horas os sábados na Galería Sargadelos, coa que a facultade mantén un convenio de colaboración para acoller este tipo de actividades.