DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Galería Musart acolle a mostra colectiva ‘A prueba de...’, con obras de cinco alumnos

Estudantes de Belas Artes reflexionan sobre a identidade nunha exposición

Reúne pezas de gravado, fotografías, debuxos e videoinstalacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/05/2019

Na idea da identidade atoparon un nexo de unión entre as súas obras os cinco estudantes da Facultade de Belas Artes que nestas semanas protagonizan a mostra colectiva A prueba de... na Galería Musart. “Vimos que todos traballabamos o mesmo tema desde un punto de vista moi distinto, a exposición reúne distintas formas de interpretar e analizar o concepto de identidade como algo único e ao mesmo tempo como algo social, como formación, transformación, manipulación e, ao final, como unha perda de identidade”, relata Javier Stoica, un dos estudantes participantes nesta exposición xunto a Sabela Alonso, Alejandra Lago e o Colectivo Sak, que integran Sara Willisch e Rubén Sánchez. 

Gravado, videoinstalación, fotografía e debuxo conviven nunha exposición á que deron o título de A prueba de... “porque todos estamos expostos á proba da identidade, de buscarte a ti mesmo interiormente”, sinala Stoica, dunha exposición na que este grupo de estudantes, tanto de grao como de doutoramento, trataron de conxuntar as diferentes “series de obras persoais que dialogasen entre si” co propósito “de que cobrasen máis forza a través da unión”.  

Da identidade no outro á fraxilidade da existencia

Na combinación de obras de diferentes disciplinas que este grupo de estudantes propón nesta exposición, Sabela Alonso presenta unha serie de 20 debuxos de técnica mixta e unha segunda serie de cinco gravados que tiveron como punto de partida “un achegamento a temas como a depresión ou a ansiedade” para logo evolucionar cara “un punto máis intimista e contemplativo ao longo do proceso, converténdose nun espello no que agardo que outros se poidan ver reflectidos”, sinala. Stoica, pola súa banda, xoga nesta exposición co concepto dunha “identidade atopada mirando a outros” a través da serie de 13 fotografías analóxicas Autorretrato do X.

Alejandra Lago, pola súa banda, toma como punto de partida o proceso de investigación que desenvolve sobre o téxtil para dar forma a unha serie de gravados, Parlamento de liñas, que “transmite a fraxilidade da existencia humana, emocións, sensacións, tempo e espazo” que representa nesta serie a través a través do “fío da vida” e o “parlamento de liñas que xera”. Esta artista presenta así mesmo nesta mostra unha serie de tres serigrafías que “buscan transmitir a lixeireza, o movemento e temporalidade producida por un sopro de aire”, do que xorde a imaxe dunha crisálida, que presenta como “lugar de metamorfose e xeración de identidade”. Willisch e Sánchez, por último, presentan como colectivo unha serie de instalacións xurdidas da compilación de obxectos e imaxes xerados en performances, coas que fan referencia a cuestións como “os tratamentos psiquiátricos aplicados a mulleres nos anos 30”, a ablación ou ao incendio que en 2018 afectou ao Museo Nacional de Brasil, en Río de Janeiro, e que abordan nesta mostra como unha “perda de identidade”.