DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participarán como voluntarios nunha campaña posta en marcha este martes dende o Concello de Vigo

Estudantes de Bioloxía recollerán a 3000 gatos rueiros para controlar as colonias mediante a súa esterilización

A Concellería de Medioambiente destinou 400.000 euros á mellora dos animais e da Protectora Municipa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 15/06/2010
Preto de 3000 gatos invaden as rúas de Vigo, unha cifra que reflicte a reprodución incontrolada dos felinos na cidade, ocasionando molestias aos veciños sobre todo na época de celo. Por este motivo, estudantes de Bioloxía da Universidade participarán como voluntarios nunha campaña posta en marcha dende o Concello para estabilizar e controlar as colonias de gatos salvaxes mediante a súa esterilización.
Este plan, que comezará a desenvolverse aproximadamente a finais de mes, fíxose oficial este martes cun convenio de colaboración asinado polo alcalde Abel Caballero, o decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, Pedro Pablo Gallego, a decana do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal, o presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, Luis Núñez, e a presidenta da Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Vigo, Amparo Roger.
O obxectivo do convenio establecido é controlar o número de gatos rueiros da cidade mediante a elaboración dun censo da colonia existente, estimada arredor dos 3000 exemplares, para logo capturar aos machos, esterilizalos e deixalos de novo en liberdade.
Segundo apuntou a directora da Protectora de Vigo, Amparo Roger, “trátase dunha alternativa á exterminación dos animais, que xogan un papel moi importante no control de pragas de ratos”.

400.000 euros destinados á mellora dos animais e da Protectora Municipal

O Colexio de Biólogos e a Universidade de Vigo serán as institucións encargadas de seleccionar aos profesionais e alumnos voluntarios para o estudo e seguimento das colonias. Pola súa banda, o Colexio Oficial de Veterinarios disporá aos responsables da esterilización, mentres que a coordinación da campaña correrá a cargo daProtectora Municipal, seguindo as directrices de actuación ditadas polo Concello de Vigo, que proporcionará as instalacións axeitadas nas que realizar as esterilizacións.
Estas accións levaranse a cabo grazas ao financiamento realizado dende a Concellería de Medioambiente, dirixida por Chus Lago, que investiu 400.000 euros destinados á mellora da Protectora Municipal. Uns cartos que permitiron dotar á protectora cun quirófano onde realizar as esterilizacións, “mellora que levou un investimento de 36.000 euros” afirmou Lago.
Así mesmo, a Concellería de Medioambiente levou a cabo outras reformas, como a conexión do recinto ao saneamento municipal, a contratación dun xestor autorizado para os animais falecidos e a adquisición dun vehículo para o laceiro, entre outras.