DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade forma parte das organizadas no Máster en Dirección e Planificación do Turismo

Estudantes e bodegueiros comparten o valor do turismo para relanzar as adegas

Ao abeiro das IV Xornadas de Turismo Enolóxico que se desenvolven no Castelo de Monterrei

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 26/05/2010

O sector do viño ocupa un lugar importante na economía da provincia. Proba diso é o dato que revela que das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia, catro están en Ourense: Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e Monterrei, unha realidade decisiva para facer destes lugares zonas de grande interese comercial e tamén turístico. Así o cre José Antonio Fraiz, director do Máster en Dirección e Planificación do Turismo e director tamén das IV Xornadas de Turismo Enolóxico que se están a desenvolver no Castelo de Monterrei por ser esta a denominación de orixe obxecto dos encontros.
As xornadas foron inauguradas este mércores no transcurso dun acto ao que asistiron María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; José Antonio Fraiz; Ricardo Vecillas, xefe territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense; José Luis Suárez, alcalde de Monterrei e Corona Meixeira, concelleira de Educación, Cultura e Igualdade do Concello de Verín. Na actividade participan preto de 40 persoas, a maioría estudantes do mestrado pero tamén bodegueiros e técnicos de turismo interesados en coñecer e potenciar o sector do viño dende un punto de vista turístico. Segundo explica o profesor Fraiz, “o obxectivo máis importante das xornadas é que os asistentes adquiran coñecementos sobre como darlle valor ás adegas a través do turismo xa que existen moitos mecanismos para conseguilo. Por exemplo a organización de visitas ás propias instalacións das adegas e aos viñedos, a posibilidade de comer ou cear alí e a realización de catas de viño neses espazos, entre outros”, declara.

Relatorios e visitas a adegas e a viñedos

Para conseguir este obxectivo o profesor Fraiz preparou un variado programa de actividades que comezou o seu desenvolvemento coa celebración dunha mesa redonda sobre A interrelación da historia, os produtos turísticos e o viño para o goce do visitante no destino turístico. O encontro estivo moderado polo profesor Patricio Sánchez e no mesmo participaron Antonio Raluy, responsable de Viños Consentido e José Manuel Fernández, secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.
Explica o profesor Fraiz que outra finalidade importante da iniciativa é a de conseguir que os participantes na mesma “coñezan o territorio no que están a ter lugar estas xornadas así como os recursos e produtos turísticos cos que contan”. Nesta filosofía enmárcanse as visitas a Adegas Gargalo e aos viñedos Crego e Monaguillo, así como unha cata de viños no Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, previstas no programa.

A situación actual e futura do enoturismo en España

O xoves, 27 de maio, último día da actividade, as xornadas comezarán cun relatorio sobre a Denominación de Orixe Monterrei e os produtos e accións unidas á mesma. De seguido desenvolverase un relatorio sobre a situación actual e futura do enoturismo en España, actividade que Fraiz considera de especial interese para os adegueiros “que terán a oportunidade de coñecer que se está a facer nesta temática no noso país e as ferramentas ao seu alcance non só para a comercialización do viño, senón tamén para a xeración de imaxe e de marca”, explica. Nesta liña enmárcase o último dos relatorios do programa que tratará sobre a Creación de marca no mundo do viño.
Estas cuartas xornadas sobre turismo enolóxico completan o ciclo das catro denominacións de orixe existentes en Ourense, xa que as anteriores estiveron dedicadas á Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras para finalizar en Monterrei. Fraiz confía na celebración dunha nova edición da iniciativa o vindeiro curso académico para centrala na denominación de orixe de Rías Baixas.