DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora da ESEPEF de Oporto, Ana María Gomes, foi a encargada da charla

Estudantes de Ciencias da Educación aprenden a importancia da atención ás familias de nenos con necesidades educativas especiais

Na conferencia “Intervención familiar nos contextos de crianças com NEE”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 14/04/2008

Os problemas psicolóxicos que representa para un núcleo familiar a aceptación e integración dun neno con necesidades educativas especiais e a resposta que deben darlle os profesionais centrou a conferencia-coloquio que Ana María Gomes impartiu na Facultade de Ciencias da Educación. Ante un cento de alumnos, especialmente de primeiro curso, a profesora de Educación Especial da Escola Superior de Educaçao Paula Frassinetti de Oporto, explicou aos futuros mestres que teñen que estar atentos e preparados para intervir neses contextos.
“En calquera nivel educativo, imos atoparnos con nenos que presentan problemas mentais, motrices ou sensoriais e temos que saber como recibilos e tratalos para integralos nunha clase de nenos sen deficiencias” explicou.“Pero non podemos esquecer o papel da familia, que nestes casos é un elemento clave e, como profesionais, temos que promover a aceptación da deficiencia, algo moi complicado para eles porque todos os pais esperan un neno normal” dixo Ana María Gomes.
A familia ten dúas funcións básicas ao longo do ciclo vital, “por unha banda, a función interna de prestación de coidados e satisfacción das necesidades físicas e afectivas e, por outra, a externa de socialización do neno” comentou. “Un meniño con esas necesidades cubertas, aínda que teña unha deficiencia cognitiva, será feliz. Os que sofren, polo tanto, son os familiares, que poden ser víctimas de depresións e ter o sentimento de vida rota”.
Nestes casos, segundo a profesora, “os profesionais tenden a traballar soamente co neno, pero tan importante é a familia, que ten que relativizar o concepto de normalidade e pasar por un proceso de aceptación da realidade” dixo. “Durante o embarazo todos os pais soñan cun neno perfecto, ao que idealizan, pero, co nacemento dun bebé diferente no seu desenvolvemento, se lles cae o mundo encima e pasan por unha serie de pasos para levar o mellor posible a situación e imprimirlle á familia unha nova dinámica” explicou. “O proceso repítese sempre e pode volver a calquera estado previo en todo momento, pero de xeito esquemático conta coa fase de shock, do impacto da noticia, para dar paso a unha fase de negación e de non querer ver a realidade, buscando, por exemplo, outros diagnósticos máis benévolos. Cando se supera hai una tendencia a buscar as causas da deficiencia e a culparse, o que dá paso á fase depresiva que implica un distanciamento da situación e un baleiro interior moi grande. A última fase sería a de reorganización, cando xa hai esperanza e é nesa, cando o profesional debe intervir, nunca antes, pois hai que respectar o proceso de loito de cada familia” engadiu.

O concepto de resiliencia

A profesora introduciu tamén o concepto derivado da mecánica e da física, resiliencia, “que é a capacidade dun material para volver ao seu estado inicial tras recibir un impacto. En psicoloxía é unha denominación nova que está asociada á adversidade. Un individuo resiliente é aquel que, pese a unha presión familiar moi forte, por algún motivo, en vez de derivar nunha psicopatoloxía, sae da situación fortalecido”, explicou. “Todos podemos rexurdir, adaptarnos e recuperarnos para acceder a unha vida significativa e productiva, pero a resposta dunha familia vén dada polo tipo de deficiencia, o seu significado sociocultural, a capacidade de adaptación e as vivencias previas dos pais”, dixo e engadiu que “temos que ser conscientes da dureza do asunto, percibir esa realidade e ter en conta que, nós estamos unhas horas con estes nenos, pero que os pais teñen esa preocupación constante e esa responsabilidade polo seu futuro, 24 horas ao día” concluíu.