DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Das titulacións de Enxeñaría Técnica Agrícola, Física, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Historia

Estudantes de ciencias e humanidades compartiron no campus unha xornada de graduacións

Tamén se despediu das aulas o alumnado do mestrado en Ciencias Agroalimentarias

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 18/06/2010

A Universidade é un centro para a formación e a especialización nunha rama do coñecemento. Esta andaina esixe por parte dos estudantes esforzo e dedicación ao longo dos anos, un camiño difícil que deben afrontar con constancia e tesón se queren conseguir un título que os capacite para un mellor acceso ao mundo laboral. Un total de 75 alumnos e alumnas das facultades de Ciencias e de Historia acaban de realizar este percorrido e cambian agora os apuntes e as horas de estudo por novos obxectivos formativos ou laborais. Este venres o campus brindoulles unhas horas de lecer e recoñecemento en forma de actos de graduación que simbolizaron a fin dunha etapa para estes mozos e mozas que deberán agora decidir cara onde encamiñar a súa vida profesional.
Os 21 estudantes da diplomatura de Enxeñaría Técnica Agrícola, os 10 da licenciatura de Física, os 4 da licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e os 31 alumnos e alumnas do mestrado en Ciencias Agroalimentarias dixeron adeus ás aulas no transcurso dun acto presidido pola vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, María Victoria Jato. No encontro entregouse o premio á mellor tese de licenciatura correspondente ao curso 2009-2010 á investigadora Julia Franco e rendeuse unha pequena homenaxe ao político e economista valdeorrés Tomás Pérez Vidal, presidente do Parlamento de Galicia durante os anos 1986 a 1990, en recoñecemento á súa implicación e apoio ao campus de Ourense.

Acto de despedida para os estudantes de Historia

Horas de alegría, nervios e inquedanza as que viviron tamén os nove estudantes da promoción 2005-2010 da licenciatura de Historia que celebraron o seu acto de graduación este venres. A apertura do acto correspondeulle á decana do centro, Milagros Cavada e, no seu transcurso, interveu o profesor Jesús de Juana, director do Máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais. Os alumnos e alumnas estiveron apadriñados polos docentes Xosé Ramón Campos e Francisco Javier Pérez mentres que o discurso dos estudantes correu a cargo de José Manuel González en representación dos seus compañeiros de promoción.

Celebración dun serán tradicional para Traballo Social

Un total de 50 alumnos e alumnas pertencentes á 14ª promoción de Traballo Social celebrarán o seu acto de graduación este sábado no Edificio Politécnico. A vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, María Victoria Jato, será a encargada de presidir un acto no que intervirán tamén o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Manuel Cid e a madriña da promoción, a docente Ana Belén Méndez. O acto estará amenizado polo grupo Airiños do Piñeiro e, ao seu remate, celebrarase un serán tradicional no exterior do edificio con música e cantigas da tradición oral.