DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de ciencia cidadá do Post-Growth Innovation Lab, financiado pola Fecyt

Estudantes de cinco institutos levarán as súas investigacións sobre a Pontevedra do futuro á Conferencia Internacional de Decrecemento

O evento reunirá preto de 700 persoas na cidade en xuño de 2024

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/10/2023

En xuño de 2024, Pontevedra acollerá a International ESEE Degrowth Conference, un evento no que se insiren tanto a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) como a 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento. Coordinado polo grupo de investigación Post-Growh Innovation Lab, da UVigo, está previsto que este congreso reúna na cidade preto de 700 persoas e conte coas intervencións dos principais investigadores e investigadoras internacionais nos ámbitos do decrecemento, a transición ecolóxica e a economía sostible. Ao mesmo tempo, a conferencia será tamén un espazo aberto á participación cidadá, no que tomará parte o alumnado de diferentes institutos da cidade, que presentarán os resultados das investigacións sobre a Pontevedra do futuro que desenvolverán no marco dun proxecto financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Tratarase dos resultados finais de Postgrowth S.A. Pontevedra, “un proxecto de ciencia cidadá, que busca co-crear a cidade do futuro, unha cidade ecolóxica e sostible”, sinalan desde a organización. O proxecto está dirixido ao alumnado dos institutos, que a través de “diversos casos de estudo locais”, traballará na busca “de solucións creativas para os retos ecolóxicos e sociais que emerxen nas cidades na década actual”, sinalan desde o grupo que coordina Mario Pansera. 

Aberto á participación dos institutos da localidade, o proxecto botou a andar nestes días coa primeira reunión co profesorado dos cinco centros xa que xa confirmaron a súa participación, os IES Luis Seoane, Frei Martín Sarmiento, Sánchez Cantón e Valle Inclán e o CPR Los Sauces. “En novembro comezaremos a traballar xa co alumnado”, que, desde a perspectiva das ciencias sociais, investigará sobre “como promover unha transición ecolóxica xusta dentro da cidade”, sinalan desde o Post-Growth Innovation Lab. Os resultados finais dos seus estudos presentaranse no chamado Espazo Xove da Conferencia Internacional de Decrecemento. Ao mesmo tempo, este proceso de ciencia cidadá será recollido nun documental, realizado coa colaboración do Concello de Pontevedra. 

“Cultivando a creatividade colectiva”

O proxecto financiado pola Fecyt é unha das múltiples iniciativas vinculadas á conferencia que o grupo de investigación da UVigo organiza xunto coa ESEE, o movemento Degrowth internacional e a asociación Research and Degrowth, coa colaboración do Concello de Pontevedra e o apoio financeiro da Axencia Galega de Innovación (Gain), do European Research Council e do programa marco da Comisión Europea. Baixo o título de Ciencia, tecnoloxía e innovación máis aló do crecemento: cultivando a creatividade colectiva para un futuro sostible, desenvolverase entre o 18 e o 21 de xuño e abranguerá “unha ampla gama de sesións, incluídos relatorios académicos, paneis de expertos e talleres artísticos”, sinalan desde a organización. Nese senso, a conferencia abrirá en novembro o prazo de presentación de comunicacións para aqueles e aquelas que queiran dar a coñecer os seus estudos neste evento e contará tamén cunha xornada previa, o PhD Symposium, dirixida ao persoal investigador predoutoral. Ao mesmo tempo, ata o vindeiro luns 16 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de propostas para as sesións e bloques temáticos especiais, dirixidas a dar cabida “tanto a temas que non están entre as trece liñas temáticas que propón a organización, como a temas concretos dentro destes bloques, cun formato de sesión definido e específico”, a proposta tanto da comunidade académica, como de activistas ou colectivos. 

Por outra banda, nestas semanas tamén se abriu a inscrición noutra das iniciativas ligadas a este congreso, a de poder acoller participantes na conferencia, dirixida tanto a facilitar a participación neste foro de estudantes ou investigadores de países en vías de desenvolvemento, como de achegar as temáticas do evento á cidadanía. Con ese mesmo obxectivo de “achegar a sociedade local aos temas dos que se vai falar na conferencia”, o congreso verase complementado por un conxunto de actividades de carácter gratuíto, que se levarán a cabo en diferentes puntos da cidade.