DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contan con actores e actrices profesionais como Ernesto Chao, Santi Romay, María Barcala ou Xulio La

Estudantes de Comunicación Audiovisual rodan dúas curtametraxes sobre a terceira idade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 07/05/2010

Alumnado de terceiro curso da Licenciatura en Comunicación Audiovisual rodan desde onte e ata o vindeiro domingo dúas curtametraxes sobre a terceira idade na residencia de maiores de Campolongo. Trátase do traballo final da materia de Produción e Realización Audiovisuais impartida polo profesor Carlos Soutelo, e para desenvolvelo contan coa colaboración de coñecidos actores e actrices galegos, populares pola súa intervención en series da Televisión de Galicia como Rías Baixas, Pratos Combinados, Padre Casares ou Matalobos. Ernesto Chao, Santi Romay, Salvador del Río, María Barcala, Casilda Alfaro, Xulio Lago ou Alejandro Carro son algúns deles.

Obsoleto, un ancián e un mozo camaradas de fuxida

Obsoleto será o título do primeiro dos proxectos, con guión de Daniel Villaverde, dirixido por Alberto Álvarez e Marisol Fernández e coproducido por Omar Juan Ietum Tomé e Adrián Carrón. “Os quince membros de cada grupo intentamos especializarnos nunha área e manter o traballo ao longo de todo o proceso dentro dun mesmo departamento, aínda que logo acabas facendo máis cousas”, explica Omar no relativo ao reparto de funcións. No relativo ao argumento da peza, relatan que está protagonizada por un señor maior abandonado pola familia e a sociedade nunha residencia, que, farto de ver como se lle escapa a vida, emprende unha fuxida. “No camiño atópase cun mozo que lle axuda e fanse camaradas de batalla”, engade Omar. A cinta tentará mesturar humor e tenrura para reflexionar sobre o esquecemento dos maiores na sociedade actual e apostar por un avellentamento digno. Para o seu desenvolvemento contan cun elenco de luxo, coa colaboración de actores profesionais como Ernesto Chao, Santi Romay, Salvador del Río e Sonia Rúa.

Os rituais absurdos en torno á morte

Encárganse do segundo proxecto Bibiana de Juanes na dirección, Manuel Gago e Marta Domínguez no guión e Ana Eiras, Lorena Ares e Santiago Labordeta na coprodución. Neste caso a protagonista da curtametraxe é unha señora, Aurora, enferma terminal, que se atopa hospitalizada para pasar os últimos días da súa vida. “Pola súa habitación van pasando unha serie de personaxes, dende a familia ata as veciñas, e ela, que non pode comunicarse, escoita todo o que din e vai respondendo cunha voz en off”, explica a directora. “Queremos abordar eses rituais absurdos que hai en torno á morte, que a rodea de xente que ao mellor non terían porque estar alí, debendo ser todo máis íntimo”, comenta Bibiana. Malia a tristeza xeral da temática, aseguran que o filme terá un ton irónico e mesmo de humor negro que fará rir.
Neste caso compoñen o elenco María Barcala, Ana Piñeiro, Amparo Malo, Casilda Alfaro, Xulio Lago, Anxo Tirado, Alejandro Carro e Aurora Maestre. Así mesmo, contarán coa colaboración especial dalgunha señora da residencia de Campolongo.
Os dous grupos contactaron cos intérpretes a través da Asociación de Actores e Actrices Galegos (AAAG) e tamén coa axuda de varios profesores do centro e aseguran que a maioría aceptou colaborar de bo grao desde o primeiro momento.
Tras a rodaxe resta o traballo de posprodución para poder ver o resultado final de ambos os dous proxectos. “Aínda non sabemos onde se van presentar, pero temos intención de movelos moito”, comenta Omar Ietum. Para non perder o ritmo, os dous equipos teñen xa na axenda outras propostas, pois realizarán os novos videoclips dos grupos Fainoti e Elodio y los Seres Queridos.