DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor do campus convocou ás partes a unha reunión

Estudantes e decano de Belas Artes traballan na procura de solucións aos desaxustes derivados da implantación do EEES

O alumnado reclama docencia de calidade e o decano comprométese a axudalos en todo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 27/03/2009

Sentar as bases a partir das que traballar na solución dos problemas detectados polo estudantado da licenciatura en Belas Artes. Nesta dirección discorreu a reunión á que o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, convocou ao decano da facultade, Ignacio Barcia, e unha representación do alumnado que esta semana participou na sentada e no posterior percorrido por algunhas rúas da cidade para solicitar “docencia de calidade” ao sentirse desatendidos fronte aos que cursan o grao.
A reunión serviu para “localizar os problemas concretos”, segundo sinalou Barcia, algúns dos cales, como é o caso dos horarios e a xestión dos espazos, “xa se están solucionando cos representantes do alumnado”. Outros levarán máis tempo xa que, segundo indicou a representación do estudantado, “o luns non se van poder poñer máis profesores”. En calquera caso, todos amosáronse de acordo en “evitar que o vindeiro curso a convivencia sexa lesiva”, en palabras dos alumnos, mentres que Barcia sinalou que xa traballan na "planificación do curso que vén para evitar que se produzan os mesmos desaxustes”.

Correspondencia de temarios

Sen embargo, aínda existen aspectos que requiren dun acordo entre as partes como é o caso da correspondencia entre os temarios da licenciatura e os do grao. O alumnado considera “que non se corresponden”, mentres que o decano cre que “en xeral está ben e incluso no caso de que existan pequenos desaxustes, iso se pode arranxar”.
No día que fixeron públicas as súas demandas, o estudantado reclamou unha “docencia de calidade” e a “parte específica” que lles corresponde como alumnado da licenciatura. Neste aspecto, tanto Hernández como Barcia lles indicaron que “o decanato non se pode meter en como un profesor dá a clase e que se existen queixas sobre este punto hai vías para manifestalas”. Ao mesmo tempo, Barcia sinalou que “o alumnado é o primeiro en detectar estas incidencias e, aínda que o decanato se ofrece a mediar, deben falar primeiro co profesor porque moitas veces, cando estes casos chegan ao decanato, xa creceron moito”.

O peso do alumnado nos órganos da facultade

Tanto o decano como o vicerreitor, amosáronse dispostos “a axudalos en todo o posible”, e alentaron ao alumnado a “facer uso do peso que teñen nos órganos da facultade para resolver calquera problema”, segundo indicou o vicerreitor. Por outro lado, o decano considera “positivo que os alumnos se preocupen pola vida da facultade” e animoulles “a participar máis dela”.