DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun relatorio organizado polo Foro de Alumnos de Dereito Estatutario

Estudantes de Dereito coñecen as funcións do Parlamento da man do deputado Puy Fraga

Cualifica á institución como “o punto no que se materializa a esencia da democracia”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 04/05/2010

O Parlamento de Galicia é a institución onde reside o poder lexislativo da nosa Comunidade Autónoma. Na actualidade este órgano está formado por 75 deputados, ten a súa sede en Santiago de Compostela e ademais de exercer a potestade lexislativa de Galicia cumpre outras funcións entre as que cabe subliñar a de controlar a acción executiva do Goberno galego, aprobar os orzamentos, escoller de entre os seus membros ao presidente da Xunta e esixirlle responsabilidade á Xunta e ao seu presidente. Nas palabras do deputado Pedro Puy Fraga, “o Parlamento segue a ser ese punto no que se materializa a esencia da democracia e que consiste na elección dos representantes do pobo que reflicten as opinións do conxunto da sociedade cuns grupos que apoian o labor do goberno e con outros que presentan unha alternativa e iso é a democracia”, asegura. Deputado polo Partido Popular e profesor na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Puy Fraga ofreceu un relatorio sobre as funcións e a importancia da institución no marco do Estado autonómico este martes na Facultade de Dereito. A actividade estivo organizada polo Foro de Alumnos de Dereito Estatutario, unha iniciativa aberta á comunidade universitaria e ao público en xeral, dirixida polos profesores Jacinto Lareo e Sonia Rodríguez e coordinada por Leticia Barrio co obxectivo de facer un percorrido polas principais institucións sobre as que se apoia a autonomía de Galicia.

Unha institución central en todo sistema democrático

Puy Fraga cualificou ao Parlamento como “unha institución central en calquera sistema democrático” e subliñou da actividade que desenvolve “a enorme cantidade de traballo que se fai e que moitas veces pasa desapercibido, xa que ademais dos plenos hai un labor inxente en comisións de todo tipo, en xunta de portavoces e nas comisións non lexislativas, entre outros cometidos”. Dixo tamén o relator que moitas veces os medios de comunicación só se fixan nos grandes debates “cando hai un traballo continuo de control da acción do goberno, de impulso e de aprobación de normas que na maior parte dos casos pasa desapercibido”, afirmou.
Das moitas funcións do Parlamento Puy Fraga fai especial fincapé na súa actividade lexislativa e na de control e impulso ao goberno “xa que forman o núcleo da razón de ser dunha cámara parlamentaria democrática: representar a vontade popular á hora de lexislar e á hora de controlar ao goberno na súa acción política”, asegura. Neste abano de posibilidades Puy Fraga cualifica de “moi importante” o amosar a alternativa que se da dende os grupos da oposición “para que a cidadanía, chegadas as eleccións, poida opinar sobre quen debe gobernar”.

Debates intensos por mor da crise

A actual situación de crise que estamos a vivir amósase tamén na actividade parlamentaria e así o recoñeceu Puy Fraga, que asegurou que “este primeiro ano de lexislatura está a ser especialmente intenso nos debates e polémicas polos problemas que temos, comezando polo do paro, e hai que traballar arreo para resolvelos”. O relator cualificou a problemática do paro como “un drama persoal e social ao que hai que dar unha resposta axeitada dende a política e entre todos”.
Moitos dos asistentes ao relatorio de Puy Fraga serán futuros deputados e deputadas, unha profesión que o relator cualificou de “moi gratificante porque permite a posibilidade de levar adiante iniciativas no ámbito público que benefician a toda a sociedade” pero para a que atopou tamén desvantaxes “polos custes persoais que require”. Con todo o deputado animou ao alumnado que teña vocación de dedicarse á política a dar o paso, “porque se entendemos a política como unha profesión que implica traballar polo ben común é unha das actividades máis nobres ás que se pode dedicar unha persoa nova”, asegurou.