DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Defenden a necesidade de considerar esta problemática como unha inversión en infraestrutura

Estudantes de Dereito crean un Foro para concienciar sobre a accesibilidade universal

Organizarán conferencias e outras actividades sobre a temática ao longo do curso académico

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 26/11/2009

Concienciar á sociedade, sobre todo á clase política, de que a accesibilidade segue a ser unha asignatura pendente. Este é o obxectivo co que nace o Foro de Alumnos de Dereito Comunitario, creado ao abeiro da celebración do Ano Europeo da Accesibilidade Universal, no 2010. Con este motivo, o colectivo vai organizar unha serie de conferencias ao longo do ano académico que abordarán distintos aspectos desta temática, como son a lexislación española e galega ou as barreiras arquitectónicas, entre outros. Así mesmo, os membros do foro teñen previsto realizar un estudo dos xulgados da provincia para ver o seu grao de accesibilidade. Os promotores do colectivo son María Álvarez, Natalia Afonso e Jonathan Domínguez, alumnos da Facultade de Dereito, que presentaron a iniciativa respaldados polo vicedecano da facultade, Roberto Bustillo, e polo profesor de Dereito Comunitario, Jacinto Lareo.
A accesibilidade significa ofrecer edificios e espazos deseñados e xestionados de maneira que o seu uso resulte seguro, saudable, adecuado e agradable para todos os membros da sociedade. Segundo María Álvarez, coordinadora do Foro, “isto implica que os edificios deben ser accesibles, débense poder utilizar efectivamente dende a primeira ata a última planta e deben estar dotados de medios adecuados de saída autónoma”.

A accesibilidade, unha problemática que afecta a varios colectivos da poboación

Na súa intervención, Natalia Afonso fixo un percorrido pola normativa sobre a temática aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia e a nivel do Estado, e tamén pola normativa europea referida á accesibilidade. Concretamente, a directiva 2000/78/CE do Consello de 27 de novembro que, entre outros motivos, subliña a discriminación por discapacidade como unha realidade contra a que loitar co fin de que se aplique o principio de igualdade no trato nos estados membros.
Jonathan Domínguez, pola súa banda, lembrou que a accesibilidade non afecta só ás persoas con discapacidade permanente ou reducida, “se non tamén ás persoas de idade avanzada e tamén aos nenos pequenos, proxenitores e outras persoas encargadas do seu coidado”. Así, defendeu a necesidade de considerar a accesibilidade como “unha inversión en infraestrutura” porque, segundo explicou, “crea valor para os propietarios, aumenta a cifra de negocio, reduce o gasto de protección social, atrae e retén aos traballadores e supón un aforro no pago de primas de seguros”.

O 52% da poboación galega sofre algún tipo de discapacidade

Os membros do colectivo revelaron que, na actualidade, o 52% da poboación galega sofre algún tipo de discapacidade (física, psíquica ou sensorial). E o tanto por cento de persoas afectadas sobre as persoas con dereito a voto ascende ao 62,6%, un dato que os impulsores do Foro quixeron subliñar para alentar a implicación da clase política nesta problemática.
Ao longo do curso académico, o Foro de Alumnos de Dereito Comunitario porá en marcha unha serie de conferencias sobre a temática que abordarán dende a evolución do concepto de minusvalía e accesibilidade ata a regulación das barreiras arquitectónicas en Galicia, a accesibilidade como un dereito fundamental, o dereito comunitario e a igualdade e a actualidade desta problemática, entre outros aspectos. Así mesmo, teñen previsto realizar outras actividades paralelas entre as que figura unha reportaxe fotográfica de denuncia sobre a accesibilidade nos xulgados da provincia de Ourense.