DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A peza dura 9 minutos e foi rodada en Ourense

Estudantes de Dereito estrean a curtametraxe "La sombra del vacío"

O pase será este venres ás 20.30 horas no Edificio Simeón

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 28/10/2008

Entre o estudo de leis e regulamentos, normativas e convenios, aos estudantes de Dereito quédalles tamén tempo para outras afeccións, ata o punto de chegar a rodar unha curtametraxe. Este é o caso de Ramón Jarón e David García, que este venres estrean a curtametraxe La sombra del vacío unha peza dramática, rodada en Ourense e na que, durante nove minutos, se conta a historia dun artista apaixonado e atormentado na súa busca vital “unha procura un tanto ecléctica, aínda que iso queda á libre interpretación de cada un”, comentou García, o director da obra.
Cristian Chimenti e Sandra Domínguez, estudantes tamén da facultade, son os encargados de darlle vida aos protagonistas da peza, para Sandra é a primeira incursión no mundo das artes escénicas e a valoración é moi positiva “aínda que foi cansado porque se tivo que facer todo moi rápido e con moito frío”, afirmou a protagonista.
A idea desta curtametraxe xa levaba algúns anos na mente do director, pero ata que coñeceu a Jardón non naceu o proxecto de transformar o que estaba no seu imaxinario nunha obra cinematográfica. Director e produtor coñecéronse na facultade, por iso para eles “é grazas á Universidade que xurdiu a nosa colaboración”, comentou Jardón, produtor da obra. A pesar de que participaran xuntos noutras actividades é a primeira curtametraxe que realizan xuntos, sen embargo, no caso de García o mundo cinematográfico non lle era totalmente alleo, pois xa realizara anteriormente un documental, Ourense, ciudad y música, e a curtametraxe, Parking.
Ambos estudantes, tras indagar a viabilidade do proxecto e as súas posibilidades económicas, decidiron sacar adiante La sombra del vacío, aínda que “con moito esforzo, traballo e pedindo favores a moitas persoas”, comentou Jardón. No tocante ao tema económico, “todos os cartos saíron do noso peto, de aí as limitacións de produción durante a rodaxe”, declarou García. Foi por esta falta de orzamento pola que o proceso de montaxe l case dous anos, xa que nesta parte do proceso audiovisual tiveron que amañar todas as carencias e erros da gravación.

O próximo proxecto gravarase en Xénova

Esta primeira incursión no mundo do cine non vai a ser a última, xa que ambos están moi contentos co resultado “e agora que temos collido o ritmo agardo que non se nos vaia o ánimo para seguir traballando”, afirmou Jardón. Tanto é así que xa están a preparar outro proxecto, froito da viaxe de Erasmus de García a Xénova, cidade na que se relacionou con moitos artistas e directores. A nova peza será unha comedia lixeira orientada de xeito máis comercial. Xa contan co reparto de actores, todos de orixe italiana, e en Semana Santa realizarán unha viaxe ata Xénova para comezar a darlle forma ao proxecto.
Con vistas ao futuro, e tras a estrea este venres 31 ás 20.30 horas no Edificio Simeón, teñen previsto levar a curtametraxe de xira por todos os certames nacionais que vaian xurdindo. O primeiro ao que se van presentar é ao Certame Internacional de Curtametraxes de Vilagarcía de Arousa, tamén o pasearán a peza por festivais de Navarra, Jaén e Almería. Outra idea que teñen en mente é levar a obra de xira por Italia dada a posibilidade que teñen, coa axuda de Chimenti, de dobrar os diálogos ao italiano.