DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No EMLex Wiktionary Hackfest, que terá lugar este venres en Ciencias da Educación e do Deporte

Estudantes de diferentes países crearán no campus novos contidos para o ‘Galizionario’

Trátase dun ‘hackatón’ aberto a toda a cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/11/2023

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá novamente este venres o único hackatón dirixido a incorporar novos contidos ao Galizionario, a versión en galego do Wiktionary, o dicionario multilingüe promovido pola Fundación Wikimedia. Aberto á participación tanto da comunidade universitaria como de calquera persoa interesada, o cuarto EMLex Wiktionary Hackfest insírese nas actividades do mestrado europeo sobre lexicografía EMLex. De feito, este encontro contará coa participación de 15 alumnos de alumnas, procedentes de Portugal, Armenia, Alemaña, Ucraína, Nixeria ou Costa de Marfil, que cursan este mestrado nas universidades do Minho e de Santiago de Compostela.

“O obxectivo é reunirnos estudantado e profesorado de EMLex con voluntariado das edicións en castelán e portugués do Wiktionary para impulsar o desenvolvemento da edición en galego deste proxecto, o máis importante no campo da lexicografía colaborativa”, sinalan desde o comité organizador deste encontro, coordinado polo profesor da facultade Carlos Valcárcel, que é tamén un dos docentes da materia de lexicografía colaborativa deste mestrado. Nese senso, o obxectivo da xornada do venres é que as e os futuros profesionais deste ámbito poidan traballar conxuntamente con membros da comunidade do Wikcionario e da Wikipedia e calquera persoa interesada na incorporación de novos contidos a versión en galego, sexa tanto creando novas entradas como incluíndo traducións de palabras noutros idiomas, exemplos de uso... Nese senso, a xornada arrancará cunha breve formación sobre o traballo de edición nesta plataforma e, a partir de aí, as e os participantes traballarán en diferentes equipos ou de forma individual na elaboración de contidos, que serán presentados pola tarde, na sesión de peche deste maratón.