DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun convenio de prácticas entre a Universidade e o Concello presentado este mércores

Estudantes de Dirección e Xestión Pública deseñan unha carta de servizos para fomentar o turismo na cidade

O alumnado do grao presentará un informe coas súas conclusións e un tríptico a finais de mes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Sara Alcázar DUVI 14/07/2010

Diagnose, obxectivos, indicadores, compromisos e proxectos a curto e longo prazo son os contidos que se describen na carta de servizos que catro alumnos do último curso do Grao en Dirección e Xestión Pública están a deseñar para a empresa Turismo de Pontevedra, encargada de xestionar os recursos turísticos do municipio e de proxectar á cidade nos circuítos turísticos nacionais e internacionais.

Este traballo, que xa vén desenvolvéndose dende comezos de mes, é froito da colaboración entre a Universidade e o Concello mediante un convenio de prácticas, presentado este mércores na sede da alcaldía polo profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade e responsable de prácticas do grao, Enrique José Varela, e o concelleiro de Turismo e Educación, Julio Castela. Ambos coincidiron en definir o traballo do alumnado como “un produto inusual e innovador” que se presenta como unha ferramenta de avaliación das actuacións levadas a cabo dende a empresa municipal de turismo "co obxectivo de mellorar e acadar un turismo de calidade para os usuarios” salientou Varela. Ademais, o profesor fixo fincapé na importancia de que os futuros graduados en Dirección e Xestión Pública “se involucren nun proxecto que lles permite facer algo práctico, concreto e proveitoso, que é o que se pide dende o ámbito da empresa e a institución e ademais fomenta o traballo en equipo e a xestión de proxectos, tal e como se pretende co novo grao”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Educación definiu a colaboración entre Universidade e Concello como “unha oportunidade para o alumnado á hora de facer prácticas” e que no caso dos catro alumnos que neste momento se atopan traballando para Turismo de Pontevedra “lles permite definir as actuacións levadas a cabo pola empresa, derivadas dos plans estratéxico, de competencia e de desenvolvemento do produto para a mellora dos recursos turísticos e así poder darllos á coñecer á sociedade” afirmou Castela.

Un proxecto con futuro

Tras semanas de traballo de xestión, avaliación e seguimento dos obxectivos perseguidos pola empresa municipal de turismo, os catro alumnos do Grao en Dirección e Xestión pública presentarán a finais de mes un informe detallado coas súas conclusións e realizarán un tríptico para dar a coñecer aos usuarios as actuacións e recursos turísticos ofrecidos pola empresa. Un “produto útil”, tal e como comentou o concelleiro de Turismo e Educación, “que recolle as actuacións que se desenvolverán ata finais de ano e avaliará o seu significado, de xeito que poderemos dicir, ou iso espero, que a empresa Turismo de Pontevedra está a realizar un bo labor e que supón que en decembro informaremos das actuacións desenvolvidas ao longo do ano dun xeito positivo e tamén das mellorables” indicou Castela.

Pola súa banda, Varela agradeceu “a confianza que o Concello de Pontevedra depositou sobre o alumnado”, unha confianza que o profesor espera que continúe coas vindeiras promocións “para ampliar ou facer un seguimento da actual carta de servizos” apuntou. Nesta liña, Castela manifestou o seu interese por seguir colaborando co alumnado da Universidade de Vigo, “tanto do Grao en Dirección e Xestión Pública como do grao e o mestrado en Turismo do campus de Ourense, posto que a Universidade é unha parte moi importante do sector turístico, que forma ao estudantado nas derradeiras novidades deste ámbito” asegurou.