DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo centrado na sostibilidade

Estudantes de Dirección e Xestión Pública e ONG comparten análises sobre seguridade alimentaria e transición enerxética 

Coa participación de Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/12/2023

Promover entre o alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública unha análise crítica de problemáticas con implicacións tanto globais como locais e achegar as súas visións e conclusións a entidades que traballan no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, como Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Estres dous obxectivos conflúen no proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) SOS-tenibilidade ambiental, no que ao longo deste cuadrimestre participan preto de 40 alumnos e alumnas, baixo a coordinación da profesora Rosa Ricoy e a colaboración destas dúas ONG. A seguridade alimentaria e o impacto da transición enerxética son os dous eixes temáticos desta actividade, que nun primeiro termo foron abordados nunha serie de seminarios, para que posteriormente o alumnado trasladase as súas ideas a representantes destas dúas organizacións nunha serie de encontros. 

Seleccionado na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, o proxecto insírese nas actividades da materia Ciencia Política: Globalización, Gobernanza e Dereitos Humanos, tanto da modalidade presencial como virtual do Grao en Dirección e Xestión Pública. Nun primeiro termo, explica Ricoy, o proxecto arrancou “cunha serie de seminarios” e co traballo do alumnado afondando en diferentes aspectos das dúas temáticas que centran o proxecto, articulado en torno á sostibilidade. En ambos casos, engade a docente, o alumnado debía afondar na dimensión ambiental, normativa e política das dúas problemáticas, así como no seus posibles impactos nos dereitos fundamentais. Por unha banda, o proxecto abordou o “concepto de dereito á alimentación, co enfoque da soberanía alimentaria”, pondo o foco a problemática do desperdicio de alimentos e na economía circular. Por outra, analizouse tamén o “impacto da transición enerxética”, pondo o foco en que se ben parece xa aceptada “a necesidade de mudar cara un modelo baseado en enerxías renovables”, é preciso cuestionar tamén “o xeito de facelo sen poñer en perigo moitos territorios rurais e o patrimonio cultural, entre outros”, como sinala a responsable deste proxecto.

Da análise ao debate

Estes traballos iniciais levaron posteriormente “a unha posta en común e deliberación sobre os puntos críticos destas cuestións” entre o alumnado participante, así como á elaboración de “carteis e documentos” por parte dos participantes. Na seguinte fase, inseríronse os encontros tanto con Patricia Iglesias e Raquel Fernández, de Amigas da Terra, como con Sergio Fernández, de Enxeñería Sen Fronteiras. Estas xuntanzas, que tiveron lugar no mes de novembro, permitiron, en primeiro termo, coñecer o traballo destas dúas asociacións nos ámbitos de defensa do medio ambiente e da soberanía enerxética, para logo afondar tamén en como as dúas problemáticas nas que se centra o proxecto teñen efectos concretos en comunidades locais, a través dun achegamento a proxectos de cooperación ao desenvolvemento que estas ONG desenvolven en países como Honduras. A idea, explica Ricoy, era que os encontros desen lugar a “un debate que partía do coñecemento do tema”, que permitise tanto o alumnado como ás organizacións obter novas visións sobre “algúns dos puntos críticos” destas dúas temáticas.

Como "moi positiva" destaca Sergio Fernández unha iniciativa que lles permitiu abordar cuestións sobre soberanía enerxética e alimentaria, que abordan no proxecto Mulleres Bravas, que Enxeñería Sen Fronteiras desenvolve xunto con Amigas da Terra, Pola nosa banda, é moi positiva a valoración, por poder levar estes temas de soberanía enerxética e alimentaria, ao que se suma o feito de "que haxa docentes ocn interese na reflexión crítica co alumnado".

Por último, este ApS pecharase coa elaboración dun “documento guía para o alumando e as entidades” de cada un dos eixes temáticos deste ApS no que Ricoy reunirá tanto os traballos do alumnado como os materiais achegados por Amigas da Terra e Enxeñaría Sen Fronteiras.

Deste xeito, o proxecto ten como obxectivo fortalecer “a cultura participativa do alumnado” e, principalmente, fomentar “que teñan un espírito crítico”, destaca Ricoy respecto dunha iniciativa que buscaba tamén que o alumnado puidese “coñecer e ofrecer apoio ás entidades sociais que dan a coñecer situacións de inxustiza social, construíndo novas redes con mirada comunitaria”.