DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Casa Galega da Cultura ata o 11 de xaneiro

Estudantes e docentes de Belas Artes presentan, en complicidade, a mostra conxunta “Afinidades Selectivas #2”

A iniciativa está organizada pola Universidade e o Concello de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 21/11/2008

Máis aló do pedagóxico e rutineiro, a relación entre mestre e alumno no eido das artes da moitos froitos. A exposición Afinidades Selectivas #2 é un deses froitos xurdidos da Facultade de Belas Artes, onde docentes e licenciados colaboran estreitamente nun proxecto colectivo que afonda na dialéctica do obxecto. Esta segunda edición da mostra é a confirmación do frutífero desta relación fóra das aulas, pero é tamén a confirmación da complicidade existente entre a Universidade de Vigo e o Concello, organizadores desta iniciativa que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 11 de xaneiro na Casa Galega da Cultura.
Segundo subliñou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María Del Carmen Cabeza, “este esforzo expositivo e compartido por catro estudantes e catro profesores é un proxecto moi peculiar” do que destacou a obra Bosques do profesor Ignacio Pérez-Jofre “un mural producido in situ nesta sala”. Por este motivo, segundo indicou a vicerreitora, a mostra carece aínda da catálogo, “xa que debemos agardar a que a obra estivese rematada”.
Pola súa banda, o concelleiro-delegado da Área de Cultura e Animación Sociocultural, Xesus López, salientou o importante da relación entre Concello e Universidade para potenciar a arte na cidade “xa que dende unha soa institución é moi complicado, polo que estamos obrigados a entendernos para profundizar na formación de todos e cubrir necesidades tan importantes como as do ocio e o deleite”.
Entre os asistentes ao acto de inauguración atopábase o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández; o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia e a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo.

Un intercambio de afinidades

Se un ano atrás a profesorea Susana Cendán propuxo a idea de intercambiar afinidades entre profesores e estudantes e plasmalo a xeito de exposición, esta segunda edición da mostra confirma o acertado da idea. Nono Bandera é o comisario da mostra e foi o encargado de elixir aos oito artistas nesta andaina “xa que ningunha mirada é inocente e é imposible non proxectar a personalidade dun na súa obra”. Ignacio Pérez-Jofre e Elena Fernandez Prada, profesores de pintura; Juan Loeck, de escultura e Anne Heyvaert, de debuxo son os representantes do profesorado. Pola banda dos alumnos: Carlos Illa, Sara García, Olmo Cuña e Nano4814.
Todos eles dan forma a unha mostra heteroxénea na que se presentan dende o mural titulado Bosque da man de Pérez-Jofre e Nano4814 ata a proposta de Elena Fernández Prada, un debuxo realizado con tinta e acuarela de grandes dimensións titulado A árbore de Audubon, baseado na obra de John James Audubon para crear unha escenificación inquietante. Sara García presenta tres libros de contabilidade Debe y Haber transformados en obxectos-recipientes dos seus debuxos e caligrafías. Pero un das apostas de Afinidades Selectivas #2 que máis chamaron a atención dos espectadores foi a de Olmo Cuña e a profesora Anne Heyvaert. En conxunto realizaron un proxecto que ten como protagonista ao papel como soporte, máis concretamente os post-it. Olmo presetou unhas paisaxes ao óleo sobre este pequenos papeis como unha metáfora sobre a mensaxe, a memoria e o esquecemento. Heyvaert contrapón un "trompe l'oeil" dun post-it baleiro que fai referencia ao "aínda por contar", ou por vivir. Por último, Juan Loeck presenta unha obra que reflexiona sobre o concepto das "vanitas" a través de esculturas da súa propia cabeza, por exemplo, mentres que Carlos Illa propón a súa particular ofrenda á vanitas vanitatum de Loeck con dúas esculturas realizadas con cartón que aúnan conceptos da Arte Pop e minimalista en forma de hamburguesa e de rosquillas.